O alumnado do Obradoio de Emprego de Bóveda acometeu esta semana traballos de limpeza na contorna do Centro Sociocultural

RibeiraSacraXa
Os traballos, que tamén se levaron a cabo na contorna do Pavillón Municipal, consistiron na retirada da folla e a maleza acumulada nos meses de inverno
obradoiro-emprego-boveda-limpeza
Alumnado do Obradoiro de Emprego de Bóveda
23 Mar 2025

O alumnado de Bóveda do obradoiro dual de emprego ‘Bóveda, O Incio e A Pobra do Brollón’ encargouse durante os pasados días da limpeza da contorna do Centro Sociocultural e do Pavillón Municipal.

En total, participan neste obradoiro de emprego de xardinería promovido polos concellos de Bóveda, O Incio e A Pobra do Brollón, un total de 20 alumnos e alumnas, que realizan a súa formación entre os meses de decembro e setembro. A actividade conta coa financiación da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, que achegou 412.000 euros para o seu desenvolvemento.

Os participantes compaxinan durante os nove meses de duración destes talleres formacións teóricas e prácticas, impartidas por persoal especializado, para mellorar as súas posibilidades de incorporarse ao mundo laboral. O alumnado que complete a actividade poderá acreditar a súa cualificación mediante un certificado profesional.
Os obradoiros de emprego prestan, ademais, un servizo público nos concellos nos que se desenvolven, xa que as persoas alumnas-traballadoras encárganse do mantemento e acondicionamento de múltiples xardíns, zonas verdes, áreas recreativas e rutas de sendeirismo nos tres municipios.

Na Zona Sur da provincia de Lugo, a Xunta financia con cargo á convocatoria deste ano cinco talleres que implican a 13 concellos e supoñen un investimento autonómico de 2,1 millóns de euros.

⚙ Configurar cookies
0.45226502418518