O alumnado do IES Río Cabe de Monforte triunfa no concurso nacional “Young Business Talents”

RibeiraSacraXa
Un equipo formado polas alumnas Carolina Costa Daga, Mara López Rodríguez, Pablo Rodríguez López e Candela Sánchez Touzón vén de gañar o primeiro premio nunha das categorías deste certame entre centos de participantes
ies-rio-cabe-concurso-madrid
Candela Sánchez Touzón, Carolina Costa Daga, Mara López Rodríguez e Pablo Rodríguez López
24 Mar 2025

O pasado venres 21 de marzo celebrouse en Madrid a final da competición empresarial “Young Business Talents” e un equipo do IES Río Cabe formado polas alumnas Carolina Costa Daga, Mara López Rodríguez, Pablo Rodríguez López e Candela Sánchez Touzón proclamáronse gañadores da simulación na que competían con outros catro equipos das provincias de Madrid, Barcelona, A Coruña e Sevilla.

Os 4 alumnos de 2º de Bacharelato do IES Río Cabe participaron nesta competición educativa de simulación empresarial, organizada por ABANCA, ESIC University, Herbalife e Praxis MMT. Os estudantes destacaron entre os centos de participantes grazas á súa capacidade para tomar decisións estratéxicas en áreas como marketing, produción e finanzas, dentro dun entorno dixital que replica a realidade das empresas.

Este concurso arrincou no mes de novembro coa participación dun total de 11.466 mozos preuniversitarios de 412 centros docentes de toda España. Os equipos foron pasando por diferentes fases 'on line' e así puideron vivir en primeira persoa unha experiencia de laboratorio sen riscos. Este proxecto de gamificación é unha parte complementaria das asignaturas relacionadas coa empresa e a economía, cuxo obxectivo é introducir unha práctica docente innovadora nas clases, axudando ao alumnado a complementar a formación teórica desde un prisma lúdico e motivacional.

A longo deste tempo, os participantes puideron coñecer como funciona unha empresa real por dentro e tiveron que xestionar múltiples aspectos da súa empresa virtual, como poden ser a decisión do número de unidades a producir, prezos de venda, publicidade realizada, contratación de traballadores, solicitude de préstamos, investimentos financeiros, exportacións, etc., resultando gañador o equipo que consegue un maior beneficio económico ao longo do tempo.

É de destacar o esforzo realizado polo alumnado, a súa dedicación e espírito emprendedor nunha competición que pon a proba a capacidade dos mozos para tomar decisións baixo presión nun entorno de mercado simulado.

Os vinte equipos gañadores das diferentes simulacións na final nacional repártense máis de 10.000 euros en premios, así como diplomas acreditativos que lles axudarán a mellorar o seu currículo e futuro profesional.

⚙ Configurar cookies
0.71472311019897