O alumnado do IES Quiroga participou nunha actividade musical para promover a igualdade e previr a violencia machista

O alumnado de 1º e 2º da ESO do IES de Quiroga participou este venres nunha actividade organizada polo Concello de Quiroga en colaboración coa área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. Baixo o título “Do TRADI ó TRAP... Baila, morena!”, a cantareira Blanca Villares impartiu unha charla-coloquio na que combinou música en directo, materiais audiovisuais e reflexións sobre o tratamento da muller nas letras tradicionais e actuais.
Ao acto asistiron tamén a concelleira de Igualdade, Educación e Infancia, Maite Pérez Grao, e o concelleiro de Servizos Sociais, Participación Cidadá e Dinamización Lingüística, Xosé Manuel Fernández Montes.
A proposta baséase no traballo de investigación de Villares sobre o cancioneiro popular galego e a súa reinterpretación en clave de igualdade. A través de exemplos musicais, a cantareira abordou como certas letras poden contribuír a normalizar condutas violentas ou desigualdades, e animou ao alumnado a reflexionar sobre a pegada histórica que deixaron as vivencias das mulleres nas cancións transmitidas de xeración en xeración.
O obxectivo central da actividade foi sensibilizar ao estudantado na loita contra a violencia de xénero. Durante o obradoiro analizáronse as violencias sexuais presentes tanto na música tradicional como na actual, así como a súa influencia no comportamento social. Tamén se trataron cuestións como o consentimento, o acoso e o abuso sexual, tomando como referencia non só as letras das cancións, senón tamén a publicidade e os contidos difundidos nas redes sociais.