O alumnado do IES Lama das Quendas axudou esta semana a replantar máis de 200 árbores en Chantada

O Concello de Chantada, a través da concellería de Parques e Xardíns, vén de desenvolver esta semana importantes actuacións de conservación e mellora medioambiental. Coincidindo coa celebración do Día Internacional dos Bosques, o 21 de marzo, e o Día Internacional da Auga, o 22 de marzo, a brigada de parques e xardíns cortou aquelas árbores secas ou con algunha doenza.
"Cada ano facemos estas tallas que eliminan as árbores en mal estado ante a perigosidade dos temporais. Estes traballos contan cos permisos correspondentes da CHMS e da Xunta de Galicia. Ao tempo que eliminamos as árbores enfermas e secas, facemos novas plantacións", explica o alcalde, Manuel Lorenzo Varela.
Coa participación do alumnado de 1º da ESO do IES Lama das Quendas, plantáronse preto de 200 árbores no paseo fluvial e nas distintas zonas verdes da vila. Así, na entrada do paseo plantáronse tileiros, faias e cerdeiras de acivro, mentres que nas marxes do Asma colocáronse ameneiros, bidueiros, plátanos e cerdeiras autóctonas. "Explicámoslles aos alumnos as especies que hai na contorna do río e por que facemos estas plantacións, que nos axudan a manter o pulmón verde do paseo fluvial e favorecen a protección e conservación do noso medio ambiente", explica o rexedor.