O alumnado do IES A Pinguela participou dunha ruta xeolóxica pola Ribeira Sacra
A natureza concibida como unha gran aula foi o escenario dunha actividade organizada polo Departamento de Bioloxía do IES A Pinguela para o alumnado de 4º ESO e 1º Bacharelato que cursa a materia.
Os escolares saíron do centro para percorrer unha ruta xeolóxica por terras da comarca de Lemos e as ribeiras do río Sil dirixida polo xeólogo ourensán Eduardo González Clavijo.
A primeira etapa desta viaxe científica tivo lugar na parroquia da Parte, onde lembraron brevemente a historia do noso planeta e a orixe da vida. Nas proximidades de Monforte, os estudantes puideron observar a estrutura das arxilas que integran o terreo do val de Lemos, así como detectar as fallas na súa configuración.
Desde o Monte de San Vicente, en Monforte de Lemos, o xeólogo explicoulles como se formou o Val de Lemos e trasladáronse a continuación a Canaval para continuar o seu estudo xeomorfolóxico.
Tamén coñeceron a formación xeolóxica da Fervenza do Cachón no río Vaos e a zona das Marmitas de Xigantes e puideron estudar a formación coñecida como Ollo de Sapo e analizar a súa singular tipoloxía de rocas. Remataron a xornada cun baño nas frías augas que este ano leva esta fervenza.