O alumnado do CPI Santo Tomé do Carballo plantou un centenar de especies autóctonas en Taboada
O proxecto Facing Fire, unha iniciativa europea liderada na USC polo catedrático na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo Agustín Merino García que pretende achegar solucións a problemática dos incendios desde un enfoque global, xa conta coa súa particular pegada no concello de Taboada, onde o alumnado do CPI Santo Tomé do Carballo vén de realizar a plantación un centenar de especies forestais autóctonas.
A acción desenvolvida a comezos de abril polos escolares de Taboada ao abeiro deste programa Erasmus +, contou tamén coa colaboración da Fundación Condado de Taboada, o Centro de Formación e Experimentación Agraria de Lourizán, a Consellería de Medio Rural, o Distrito Forestal VIII e o Concello de Taboada. Así, ademais da plantación propiamente dita, os escolares tamén foron protagonistas dun simulacro de extinción de incendio xestionado polo Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais (SPIF) do Distrito Forestal VIII.
Axudados por autoridades forestais, os nenos e nenas do CPI Santo Tomé do Carballo encargáronse do establecemento dun rodal de especies caducifolias autóctonas nunha superficie localizada nas inmediacións do Pazo de San Pedro de Bembibre previamente cedida pola Fundación Condado de Taboada. “Fixemos uns arboretos de acevo, teixo e serbal, especies todas elas autóctonas e pouco coñecidas en xeral”, explica o axente ambiental no Distrito Forestal VIII Alberto Ledo, quen puxo en valor todas as facilidades ofrecidas polas distintas entidades implicadas.
Como parte dun dos programas de Aprendizaxe-Servizo (ApS) da iniciativa Facing Fire, explica Merino, a xornada tamén contou coa colaboración de alumnos de diversos graos da USC (Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria, Enxeñería Forestal, Economía, Xornalismo e Comunicación Audiovisual), que estiveron guiados pola investigadora na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría Beatriz Omil e que se ocuparon de informar aos máis cativos sobre os problemas e as consecuencias que se derivan dos incendios forestais.
A boa acollida desta actuación, que se prolongou durante a xornada do 1 de abril, propiciou que a Fundación Condado de Taboada manifestara xa o seu interese en seguir a colaborar neste tipo de actuacións medioambientais. “A idea é que os rapaces vaian aprendendo sobre o medio ambiente coa plantación de diferentes variedades que incluso son beneficiosas para a loita contra o cancro”, sinalou neste senso José María Mouta, encargado patrimonial da Fundación. Do mesmo xeito, o alcalde do Concello de Taboada, Ramiro Moure, amosouse “satisfeito e receptivo” con este tipo de propostas, que agarda se manteñan no tempo grazas á coordinación da USC con outras institucións académicas estranxeiras implicadas no programa Erasmus + Facing Fire.