O alumnado de Samos e Triacastela tivo unha excursión a Portomarín, onde se xuntaron cos nenos e nenas do Courel
O alumnado do CEIP de Samos e do CEIP Eduardo Cela Vila de Triacastela xuntáronse para facer unha excursión conxunta a Portomarín.
Alí, o alumnado de Primaria de ambos centros educativos uniuse ao alumnado do CPI Poeta Uxío Novoneyra do Courel, e xuntos levaron a cabo a ruta do libro 'O Misterio de Portomarín' da man da escritora da obra, Antía Yáñez. Mentres, o alumnado de Infantil aproveitou o tempo no parque de Portomarín.
Ao rematar, os tres colexios da montaña lucense xantaron xuntos, despedindo así ao alumando do Courel para proseguir a excursión os de Samos e Triacastela cara a Ruta da Foz das Aceas, en Sarria.
Durante aproximadamente tres quilómetros descrubriron como o Río Oribio entra na vila de Sarria, observando as diferenzas e similitudes do seu caudal e curso respecto a Triacastela e Samos. Tamén traballaron a fauna e a flora observada na ruta anotando na ficha 'O Son do Río Oribio'.
Tras a realización desta última actividade, viaxaron de volta a Triacastela, poñendo fin a "unha intensa xornada na que experimentaron os contidos presentados e traballados na aula", explican desde o centro Eduardo Cela Vila.