O alumnado de Chantada recibiu unha charla sobre enfermidades de transmisión sexual
A doutora chantadina Ana Casal, que traballa no Hospital de Monforte, estivo co alumnado do IES Lama das Quendas e o IES Val do Asma, para explicar e informar sobre a relación entre as enfermidades de transmisión sexual, especialmente o virus do papiloma humano, e a súa relación con distintos cancros.
Dende Chantada contra o cancro, organizadora desta actividade, quixeron achegar esta actividade aos mozos e mozas da vila "para que conten con toda a información posible, e de calidade, sobre como poden previr problemas de saúde, especialmente sobre un tema do que ás veces lles segue faltando información de calidade", explican.
Así, tamén quixeron agradecer a predisposición da Dra. Ana Casal para organizar e impartir estas charlas "e a súa maneira de comunicar aos rapaces e rapazas, cremos que moi didáctica e útil". Por iso, agasallaron a Ana Casal cunha das obras da artista Beatriz Palomero.