O alumnado de bacharelato do IES A Pinguela participou nunha charla con Yashmina Shawki sobre Oriente Próximo

A historiadora, xornalista e escritora Yashmina Shawki (Vigo, 1967) visitou a pasada semana o IES A Pinguela para ofrecer ao alumnado de Bacharelato a conferencia titulada “Oriente Próximo, unha achega dende a Primeira Guerra Mundial”. Durante o encontro, Shawki explicoulle ao estudantado as claves históricas e humanas dunha realidade que coñece en profundidade tanto pola súa traxectoria profesional como pola súa propia experiencia vital.
Filla de nai galega e pai kurdo iraquí, Shawki pasou os seus primeiros anos en Bagdad, antes de continuar os estudos secundarios en España. É licenciada en Dereito (1992) e en Historia Contemporánea (1993) pola Universidade de Santiago de Compostela, e doutora na mesma especialidade, centrando a súa investigación na historia dos kurdos, Irak, Oriente Próximo e o papel da muller no Islam.
A súa carreira xornalística comezou en 1996 en El Correo Gallego, pasando posteriormente por Atlántico Diario e La Voz de Galicia, onde continúa a colaborar. Ademais, participa en espazos de Radio Voz, Radio Galega, TVG e outros medios internacionais como Radio Francia Internacional.
No eido literario, Shawki é autora de diversas obras de novela, ensaio e relato. Entre os seus títulos máis recentes destaca El abrazo de la venganza (2023), co que gañou o Premio Internacional de Narrativa Marta de Mont Marçal 2023. Tamén asinou obras como Baghdad, a un paso del infierno (2017), Fundación libélula (2011) ou Kurdos, destino libertad (2007), así como ensaios e libros de contos.