O alumnado da Pinguela participou nunha charla sobre a eclipse solar de 2026

O IES A Pinguela acolleu recentemente unha conferencia divulgativa sobre un dos acontecementos astronómicos máis esperados dos últimos anos, a eclipse solar total de 2026. A actividade estivo dirixida ao alumnado de 1º de Bacharelato e ás persoas colaboradoras na organización dos actos previstos para o 12 de agosto.
A sesión foi impartida por Manuel Andrade, doutor en Astronomía e Astrofísica e investigador do Departamento de Matemáticas Aplicadas da Universidade de Santiago, quen ofreceu unha exposición clara e actualizada baixo o título “O eclipse solar total de 2026 en Monforte”.
A conferencia resultou especialmente útil de cara á preparación das actividades que se desenvolverán con motivo deste evento astronómico, nas que terá un papel destacado o Planetario Matías Vázquez. A organización destes actos está coordinada pola súa responsable, Ángeles López.