O alumando de infantil e primaria do CEIP de Manzaneda participou nunha xornada de educación viaria

O CEIP de Manzaneda acolleu hoxe unha xornada de formación en educación viaria dirixida ao alumnado de infantil e primaria. A actividade enmárcase no programa específico do Subsector de Tráfico da Garda Civil e tivo como obxectivo sensibilizar á cativada sobre a importancia da seguridade viaria.
Durante a sesión, os nenos e nenas participaron nun circuíto viario preparado para a ocasión, no que aprenderon normas básicas de circulación tanto para peóns como para ciclistas. A xornada contou coa colaboración da Garda Civil de Tráfico, da responsable provincial de seguridade viaria da Dirección Xeral de Tráfico en Ourense e do voluntariado de Protección Civil de Manzaneda.
A actividade achegou ao alumnado á realidade da mobilidade segura de maneira didáctica e adaptada á súa idade.