O alcalde de Quiroga non se presentará ás vindeiras eleccións
Leva 36 anos gobernando Quiroga con maioría absoluta
Julio Álvarez anuncia que non se presentará como cabeza de lista nas próximas eleccións municipais por motivos persoais (a súa xubilación laboral) e a súa actividade no mundo empresarial, aínda que a primeira é a de máis peso, como argumentou: "É o momento de dar un paso ao lado para deixar que xente nova e con ideas frescas asuma o temón da vida municipal de Quiroga”.
O popular Julio Álvarez, que gañou nove lexislaturas (1987, 1991, 1995, 1999, 2003, 2007, 2011, 2015 e 2019) con maioría absoluta, leva 36 anos ao fronte de Quiroga, converténdose no alcalde de municipios de menos de 3.000 habitantes de toda España que máis anos se mantivo no seu cargo.
Tras este longo mandato, deixa Quiroga convertida nunha “pequena cidade”, con todos os servizos que esta ofrece aos seus veciños, sen esquecer os 121 núcleos de poboación cos que conta o municipio.
Accións destacadas
Nos inicios do seu mandato ao fronte da alcaldía foi cando se asfaltaron os accesos a todos os núcleos de poboación e se formigonaron todas as rúas, dotáronse todos de alumeado público e de teléfono público naqueles núcleos de máis de 10 habitantes. Despois viría a dotación de centros sociais nos
núcleos de máis de 40 veciños.
Nestes 36 anos construíuse un novo cuartel da Garda Civil, máis de 40 vivendas de protección oficial (en San Xulián e na zona do cuartel), o Centro Social da Terceira Idade e o Centro Social da Ribeira, a Casa da Cultura, o Auditorio Municipal, o Museo Xeolóxico, o Museo Etnográfico e o pavillón polideportivo; e rehabilitouse a antiga Escola Fogar para convertela nun albergue con 115 camas.
Tamén se levaron a cabo obras de urbanización, construción, posta en marcha e dotación de servizos necesarios e que potenciaron de gran maneira a presenza deste municipio na provincia.
E tampouco se esqueceron durante todos estes anos dos produtos da economía local, promovendo, entre outros, a importancia do viño, do aceite e do mel.
O último mandato, dos máis importantes
Julio Álvarez destacou este último mandato como “dos máis importantes en xestión”, coas melloras na traída de auga e cos investimentos actuais para a realización dunha nova praza no corazón administrativo e comercial da vila, a apertura dunha nova rúa e a creación dun cemiterio comarcal.
Julio Alvarez quixo deixar claro que aínda que non se presente ás próximas eleccións do mes de maio “seguirei asumindo as miñas responsabilidades políticas e administrativas ata que haxa un novo equipo de goberno”.