O alcalde de Monforte recibe a visita dos presidentes das Deputacións de Huesca e Girona

RibeiraSacraXa
O alcalde do concello de Monforte de Lemos recibe a visita dos presidentes das Deputacións de Huesca e Girona
ptes Deputacións Huesca Girona en Monforte
17 Nov 2022

Co obxectivo de analizar as liñas de traballo conxuntas para a mellora de problemáticas comúns e a promoción do territorio, vense de producir o encontro entre o alcalde de Monforte e os presidentes das Deputacións de Huesca e Girona.

Na visita, Tomé estivo acompañado pola primeira tenente de alcalde, Gloria Prada, e o concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luís Losada.

Tras manter un encontro de traballo e tras a firma no Libro de Honra do Concello, o alcalde agradeceu en rolda de prensa a ambos presidentes provinciais a súa visita a Monforte, indicando que “os tres forman parte da Comisión de Deputacións da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), na que abordan periodicamente cuestións comúns que afectan a este tipo de institucións e que son similares na maioría dos casos”.

José Tomé salientou que “fixemos este tipo de visita porque queremos promover o territorio a través da cultura e o turismo, que cada vez teñen máis importancia na vida económica das nosas cidades e provincias”. O obxectivo é coñecer os proxectos e realidades de cada territorio, neste caso Monforte e a provincia de Lugo, e aproveitar para establecer novas liñas de traballo e intercambio de ideas e experiencias.

O encontro inclúe dous días de traballo que inclúen ademais visitas ós lugares máis destacados de ambas cidades, así como da Ribeira Sacra.

Liñas de traballo comúns e promoción conxunta dos territorios

Ambos presidentes provinciais salientaron nas súas intervencións a liña de traballo que José Tomé leva a cabo na provincia de Lugo no referido a posibilitar a permanencia no territorio da poboación, especialmente en áreas rurais, a través da mellora da mobilidade e das infraestruturas, nunha provincia con case 4.300 quilómetros de estradas locais e 10.000 núcleos de poboación.

O presidente da Deputación de Huesca e alcalde de Arén, Miguel Gracia Ferrer, reivindicou ademais a necesidade de “ampliar con máis dotación orzamentaria os fondos destinados á igualdade e á cohesión territorial, sobre todo para os territorios rurais que estean en desigualdade coas grandes urbes”.

Pola súa banda, o presidente da Deputación de Girona e alcalde de Banyoles, Miquel Noguer i Planas, salientou a similitude entre esta cidade e Monforte, “que fai que compartan problemáticas similares”, e tamén analizou aspectos que unen a estas tres Deputacións, “como a despoboación, a rede de estradas ou a alta ruralidade”.

Do mesmo xeito, incidiu “na promoción conxunta que estas 3 institucións fan dos produtos agroalimentarios, dos aspectos culturais, históricos e patrimoniais para facer efectiva unha promoción turística común”. E engadiu que “hoxe o turismo é algo máis que sol e praia, é patrimonio, experiencias diversas, gastronomía ou etnoturismo”.

Os tres representantes municipais e provinciais comprometéronse a levar a cabo futuras xuntanzas en Huesca e Girona, “para seguir tratando problemáticas similares e abordar as mellores solucións e colaboracións posibles, coñecendo as experiencias de cada territorio in situ e promovendo a riqueza patrimonial, cultural e gastronómica de cada provincia”.

0.19351005554199