O alcalde de Monforte preside os actos de conmemoración do 50 aniversario do Club Calasancio

RibeiraSacraXa
O alcalde do concello de Monforte preside os actos de conmemoración do 50 aniversario do Club de fútbol Calasancio
club calasancio monforte
12 sep 2022

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, preside os actos conmemorativos dos 50 anos do Club Polideportivo Calasancio, que véñense de celebrar no Claustro do Colexio dos Pais Escolapios.

Nos actos o alcalde estivo acompañado polo presidente do Club Calasancio, Juan Carlos Díaz, vicepresidente da Xunta de Galicia, Francisco Conde, o ex-presidente José Mateo, o vicepresidente da Federación Galega de Fútbol, José Manuel Fernández, a 1ª tenente de alcalde, Gloria Prada, o 2º tenente alcalde, Ibán Torres Rodríguez, o concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luís Losada Fernández, o concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán Sobredo, a concelleira de Cultura, Marina Doutón, así como moitos directivos, adestradores, simpatizantes, xogadores e ex-xogadores do Club, entre outras moitas autoridades.

José Tomé, na súa intervención, indica que “cumprir 50 anos non é calquera cousa, cumprir 50 anos é para celebrar, por iso, para min é unha honra participar dos actos conmemorativos do 50 Aniversario do Club Polideportivo Calasancio, que celebramos hoxe, aínda que eses 50 anos cumpríronse en 2019, pero a pandemia impediu celebrar esta efeméride como se merecía, ata este ano 2022.”

Resalta o alcalde que “o mérito do Calasancio, podemos dicir que está en que é un club que se fixo a si mesmo, que foi crecendo inicialmente cos seus propios medios e que, co tempo, foise consolidando ata o que é hoxe. Nesta evolución, temos que recoñecer a labor das súas directivas e o mérito dos seus xogadores, labor que podemos personalizar nos seus presidentes: o Padre Fidel, ó que seguiron Don José Mateo e Don José Mourelo (Pepe Mourelo) nos anos 70, Don Ramón Rodríguez Buján, “Ramonín”, nos anos 80, Don Pedro Vázquez nos 90, Don Manuel Fidalgo de 2001 ata 2003, e dende ese ano, e ata hoxe, o actual presidente Don Juan Carlos Díaz.”

EVOLUCIÓN DEPORTIVA

O rexedor na súa intervención celebrou que o Calasancio é un club histórico, con máis de medio século de vida, “porque aínda que foi fundado oficialmente en 1969 polo padre  Fidel, as testemuñas gráficas xa demostran que estaba en funcionamento dende os anos 40 do pasado século, co cal, na práctica tería máis de 80 anos de historia”.

Neste senso, José Tomé fixo un repaso á evolución do club, “foron anos de éxitos crecentes e evolución constante”.

Nos anos 70 do pasado século comeza a súa participación no fútbol federado nas categorías infantís e xuvenís, cuns 40 xogadores.

Na tempada 78-79 consigue o Campionato Galego, dándolle acceso á División de Honra Xuvenil, na que se mantivo ata a tempada 80-81.

Nos anos 80 o club ábrese á cidade e á comarca, aumentando o número de equipos que o integran, e pon en marcha unha Feira de Mostras, para acadar recursos económicos que o  sustenten. Cos recursos xerados, modernizarán as súas instalacións e construirán un terceiro campo de fútbol na antiga horta do Colexio.

A mediados dos 90, incrementan o número de equipos e comezan a competir en alevíns e benxamíns, participando nas ligas de Ourense e aumentando así a súa competitividade.

Tamén nos 90 crean a Escola de Fútbol, que perdura ata hoxe.

E no actual mandato, mellóranse significativamente as instalacións do club co campo de herba artificial, co apoio do Concello de Monforte e outras institucións, e créase o Torneo de fútbol xuvenil “Memorial Jacobo Díaz Camino”.

“Foron, creo, máis de 50 anos cheos de momentos inesquecibles, dun club que apostou decididamente polo deporte infantil e xuvenil, e que fixo historia dentro da nosa cidade e do conxunto da comarca e da Ribeira Sacra”, resumiu o rexedor monfortino.

O CONCELLO

José Tomé tamén subliña que “dende a miña chegada á alcaldía de Monforte, podo asegurar que a nosa colaboración co Club Calasancio foi e é constante”.

Neste senso, a colaboración do concello de Monforte co Club materialízase en axudas económicas que, en catro anos máis que duplicaron as que percibían ata 2015, e tamén colabora nos diferentes torneos organizados polo club, así como no Campus que organiza co Deportivo da Coruña cada verán.

Dende o concello tamén se contribúe á mellora das instalacións, coa transformación do campo do río a herba sintética, ou coa construción de vestiarios no pavillón do Colexio.

E actualmente, o concello está a executar un ambicioso proxecto que supón a substitución do céspede do campo sintético do Colexio dos Escolapios, por un novo céspede de nova xeración, cun investimento de arredor de 190.000 euros, que, engadido ás melloras que tamén se están levando a cabo no Campo Municipal Luís Bodegas, alcanzan os 600.000 euros de investimento.

Respecto deste importante proxecto de mellora, que supón a renovación destes tres campos de céspede artificial da cidade, o alcalde aclara que este “foi posible grazas unha subvención nominativa que, logo das xestións que levamos a cabo dende o Concello, foi consignada nos Presupostos Xerais do Estado para este ano 2022, e que foi canalizada a través do Consejo Superior de Deportes, o cal lle temos que agradecer o seu interese e implicación, especialmente ó seu Presidente, o monfortino D. José Manuel Franco López”.

“Polo tanto, a sintonía entre o Concello de Monforte e o Club Calasancio é boa, e creo que nos permitirá seguir traballando por e para o deporte monfortino”, conclúe José Tomé.

RECOÑECEMENTO

O acto de conmemoración do 50 aniversario do Club serviu para homenaxear a ex-xogadores e colaboradores do Club. Neste senso, o alcalde fixo entrega dos correspondentes detalles conmemorativos, un pin de prata.

Tamén se procedeu a proxectar un vídeo resumo da historia do Club, e tras os actos institucionais, tivo lugar no pavillón polideportivo do Colexio unha cea de confraternidade.

No remate da súa intervención José Tomé sinalaba que “a evolución do Club nestes 50 anos foi espectacular, pasando de 40 xogadores a 250, e de 2 equipos a 14. Polo tanto, creo que estes 50 anos serviron para crear base sólida no Club que lle vai permitir afrontar o futuro con seguridade e optimismo”.

O alcalde felicita ó actual presidente, á directiva, ós adestradores, ó corpo técnico, ós afeccionados e ós xogadores que integran este histórico club. E tamén recoñece o labor de ”tódolos que construíron a historia deste club especialmente polos que xa non están entre nós, porque creo que é a nosa obriga recordar ós que nos levaron ata aquí, escribindo a historia que estamos celebrando”.

“Felicidades e gracias ó Club Polideportivo Calasancio por estes xa máis de 50 anos de historia dentro do deporte monfortino, e a por outros 50 anos de novos logros e éxitos” conclúe o rexedor municipal.

club Calasancio2
0.18664216995239