O alcalde de Monforte, José Tomé, recibiu ao tenente de infantería da Brilat, Fernando Cortés
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, recibiu ao tenente de infantería da Brilat, Fernando Cortés Fernández, para departir sobre o traballo que o Exercito de España está a desenvolver na prevención de posibles incendios nos montes do sur da provincia de Lugo, a través da chamada “Operación Centinela Gallego”.
Deste xeito, o mandatario monfortino e o tenente analizaron o desenvolvemento do operativo contra incendios durante primeiras semanas dende o inicio do dispositivo, que comezou o 15 de agosto, salientado a ausencia de incidencias destacables.
O despregamento da Brilat prodúcese a finais de agosto e no mes de setembro, debido a que é a época na que o risco de incendios é maior.
José Tomé puxo en valor e agradeceu á Brilat “o traballo de prevención e vixiancia que levan a cabo contra os incendios no sur de Lugo e tamén no resto da provincia, unha labor inestimable que ofrece o exército á nosa sociedade”. Neste senso é o segundo ano consecutivo que se desenvolve este operativo no sur da provincia de Lugo.
O rexedor resaltou tamén “a importancia da presencia dos militares da Brilat, que é disuasoria para os posibles incendiarios”. En concreto, a operación Centinela Gallego mobilizou á provincia de Lugo catro patrullas compostas por persoal de la Brigada Galicia VII, que operan nos montes dos concellos de Monforte de Lemos, Quiroga, A Pobra do Brollón, Sober e Ribas de Sil, todos eles pertencentes ó Distrito Forestal VIII de Terras de Lemos.
O alcalde tamén salientou que ambas entidades se comprometeron a estudar fórmulas de colaboración para que no futuro este tipo de operacións teñan base no Concello de Monforte de Lemos, aspecto que José Tomé abordará con responsables da Brilat no que se refire a operativos desta índole.