O alcalde de Monforte informa do levantamento do precinto do local sancionado por incumprimento de horarios
José Tomé Roca informa de que este xoves, 14 de marzo, o Concello de Monforte levantará o precinto do local de hostalería situado na rúa Duquesa de Alba, concretamente os locais 1 e 2 do número 18, tras cumprir este período de peche de 2 meses co que foi sancionado debido a acumulación de denuncias durante os anos 2022 e 2023, por incumprimentos nos horarios de peche establecidos pola lei. A sanción imposta tamén conlevou unha multa por importe de 301 euros.
O pasado mes de xaneiro a Xunta de Goberno local aprobou pechar este establecemento, porque durante os anos 2022 e 2023 a este local lle foron tramitadas diversas denuncias todas elas por incumprimentos dos horarios de peche establecidos. A Lei 10/2017 de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, sinala que denuncias deste tipo supoñen unha infracción grave, e que esta conleva adoptar a medida provisional, previa o inicio de expediente sancionador, de peche cautelar e precinto do devandito local, o cal se fixo efectivo en xaneiro.
Tras o peche, e transcorridos os dous meses de sanción, o vindeiro xoves 14 de marzo, procederase ao levantamento do precinto do citado local. Tras esta resolución, o Concello seguirá vixiante para que se cumpra estaa normativa que regula o funcionamento deste tipo de locais de ocio nocturno, marcada pola Lei 10/2017 de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia.