O alcalde de Monforte informa de como vai ser a visita do XIX Duque de Alba

RibeiraSacraXa
A visita do XIX Duque de Alba e XXIII Conde de Lemos, D. Carlos Fitz-James Stuart y Martínez de Irujo será o 28, 29 e 30 de xuño
Goberno-local-Monforte
5 Jun 2024

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola tenente de alcalde, Gloria Prada, deu a coñecer os detalles da Visita Oficial que o XIX Duque de Alba e XXIII Conde de Lemos, D. Carlos Fitz-James Stuart y Martínez de Irujo, fará a Monforte, e que será o 28, 29 e 30 de xuño de 2024.

O venres día 28 de xuño, D. Carlos Fitz-James Stuart y Martínez de Irujo ten prevista a súa chegada en AVE a Ourense ás 18.36 horas, onde será recollido e trasladado ao Parador de Turismo de Monforte, no que se instalará, ceará en familia e pernoctará.

O sábado 29 de xuño, ás 11.00 horas será recibido na Casa do Concello de Monforte polo alcalde e polos membros da Corporación municipal que queiran estar presentes. Seguidamente, será recibido polo alcalde no despacho de Alcaldía, onde asinará no Libro de Honra e manterán unha breve reunión privada. Ás 11.30 horas celebrarase un Pleno Extraordinario da Corporación en Sesión Solemne, que será público, durante o que se lle fará Entrega dos Atributos do Nomeamento de Fillo Adoptivo de Monforte de Lemos a D. Carlos Fitz-James Stuart y Martínez de Irujo.

Os Atributos serán o certificado do acordo do Pleno de Nomeamento como Fillo Adoptivo, o diploma acreditativo, a medalla Oficial conmemorativa do Concello e a insignia Oficial do Concello. Rematado o Pleno, ás 12.30 horas realizarase unha visita ao Museo das Clarisas, de Arte Sacro e Arte Italiano dos séculos XVI e XVII, “que é unha das dúas visitas que o Duque manifestou interese, xunto cos Escolapios”, sinalou o rexedor.

Ás 14.00 horas celebrarase o Xantar Oficial no Parador de Turismo de Monforte e pola tarde, ás 18.00 horas, terá lugar a visita ao Colexio da Nosa Señora da Antiga-Escolapios, para despois dar un pequeno paseo polo Casco histórico de Monforte. A xornada rematará ás 19.30 horas, momento en que o Duque retirarase ó Parador.

O domingo, 30 de xuño, o Duque e os seus acompañantes desprazaranse ata Lugo para levar a cabo, as 10.30 horas a Visita Oficial á Deputación Provincial de Lugo. Nela, será recibido polo presidente no despacho presidencial, asinará no Libro de Honra na Sala de Xuntas de Presidencia e realizará unha visita polo Palacio Provincial. Ás 11.30 horas está prevista a saída para Monforte e ás 12.30 horas terá lugar unha visita á Adega Algueira, na que coñecerán o proceso de elaboración do viño, participarán nunha cata demostración, seguida dun ágape. Finalmente, ás 13.30 horas rematará a Visita Oficial do Conde de Lemos e Duque de Alba, que sairá para Ourense para coller o AVE.

Para poder nomealo Fillo Adoptivo de Monforte, o alcalde anunciou a celebración dun Pleno extraordinario, o próximo mércores día 12 de xuño ás 18.30 horas, no que tamén se aprobará a licitación das obras de mellora da piscina municipal.

Tomé resaltou que “esta é unha visita moi importante para Monforte, pola relación histórica da Casa de Alba con Monforte, como herdeiros dos Condes de Lemos, condado do que son titulares na actualidade, xa que o actual Duque é o XXIII Conde de Lemos e o XIX Duque de Alba”.

Engadiu José Tomé que “tampouco teño dúbidas da importante promoción e proxección que vai supoñer para Monforte, co conseguinte beneficio que terá cara o futuro para o comercio, a hostalería e o turismo en xeral”. E expresou o seu convencemento de que “os monfortinos e as monfortinas van acoller esta visita con moito cariño e que tamén van participar como público no Pleno do Concello e tamén na visita polas rúas do Casco Vello de Monforte.”


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18585801124573