O alcalde de Monforte enxalza as festas parroquiais como parte esencial da vida no rural

RibeiraSacraXa
José Tomé deu este venres o pregón das Festas de Caneda, destacando o seu papel como “motor económico e social que contribúen a fortalecer lazos entre xeracións, entre veciños e mesmo entre parroquias”
jose-tome-pregon-festas-de-caneda
José Tomé no pregón das Festas de Caneda
3 May 2025

O alcalde de Monforte de Lemos protagonizou na tarde noite do venres, o comezo oficial das Festas de Caneda que se celebrarán durante todo o fin de semana. José Tomé, que foi invitado pola Comisión de Festas a instancias dos veciños para dar o pregón que inicia oficialmente as Festas de Caneda deste ano, quixo enxalzar no seu discurso, as festas parroquiais como parte esencial da nosa identidade.

Tal e como remarcou o alcalde, “as festas das parroquias son moito mais que música e verbena. Son cultura, memoria colectiva, e tamén motor económico e social que contribúen a fortalecer lazos entre xeracións, entre veciños e mesmo entre parroquias”. José Tomé tamén quixo poñer en valor a vida no rural á que se sente ligado por criarse nunha aldea pequena e reivindicou os valores de proximidade, da axuda mutua e da palabra dada, que forma parte do carácter que imprime a vida no rural.

O alcalde quixo lembrar ós veciños o seu interese constante por traballar para mellorar a calidade de vida nas parroquias, poñendo como exemplo recente o inicio da posta en marcha do bus rural de Monforte que permitirá que todos os veciños das 29 parroquias teñan transporte público de viaxeiros gratuíto ata o centro da cidade.

José Tomé tamén aproveitou que os veciños estaban presentes para anunciarlles o arranxo da pista de Caneda que se fará en canto veña o bo tempo e as condicións metereolóxicas sexan as óptimas para facer estes traballos e o acceso ó campo da festa tal e como lle solicitaron algúns dos presentes.

Ó remate do pregón, o alcalde que ía acompañado pola Tenente Alcalde, Gloria Prada e polo Concelleiro de Medio Ambiente, Medio Rural, Obras e Servizos, José Luis Losada, compartiu cos veciños a gran pancetada popular que a Comisión de Festas organizou, para celebrar o primeiro día de festas que durarán ata o domingo pola noite, nas que haberá festa e verbena tanto sábado como domingo.

O alcalde agradeceu o traballo realizado pola comisión de festas e os veciños do pobo de Caneda para seguir mantendo vivas as nosas tradicións e anima a todos os veciños de Monforte a ir este fin de semana a celebrar e desfrutar das festas na honra de Santa Eulalia.

⚙ Configurar cookies
0.17034792900085