O alcalde de Monforte entregou o trofeo ao gañador do XIX Campionato de España masculino de Pitch & Putt
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, entregou a Copa que premiou ao gañador do XIX Campionato de España masculino de Pitch & Putt 2024, que se celebrou nas instalacións do Club Río Cabe de Monforte, os días 11 e 12 de maio.
O gañador foi o golfista español Prakash Aisa Barrera, o subcampión foi César Crespo, e primeiro clasificado Hándicap foi Hugo Kestas Nustedt, e o segundo foi Alfonso Álvarez Enriquez.
Na entrega do trofeo, o rexedor chegou ás instalacións co concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán, acompañado polo presidente da Federación Galega de Golf, Mario Covelo López; o presidente do Comité de Pitch&Putt de la RFEG, Jesús Barrera Correal; o presidente da Agrupación Deportiva de golf Río Cabe, José Ángel Pérez Reñones: Ángel Manuel Román Regueira, vogal do Comité de Pitch&Putt da RFEG, e Eugenia Graña Rosales, xerente da Agrupación Deportiva de golf Río Cabe.
Monforte recibiu para este campionato nacional de golf a 108 xogadores chegados de toda España, que viñeron acompañados por familiares e amigos, polo que o alcalde destacou que o campionato “xerou un importante impacto no noso sector hostaleiro e de restauración e converteuse nunha ocasión excepcional para dar a coñecer o valor turístico, patrimonial e gastronómico da nosa zona, polo que sen dúbida, será un bo reclamo promocional para todo o sur da nosa provincia”.
Os presidentes das Federacións Española e Galega de Golf quixeron agradecer a José Tomé o apoio aportado das dúas Institucións ás que representa, o Concello de Monforte de Lemos e a Deputación Provincial, así como á Agrupación Deportiva Río Cabe pola organización do evento e manifestaron estar encantados coa celebración do Campionato na Cidade Condal.
O Campionato, que contou co apoio tanto do Concello de Monforte como da Deputación de Lugo, desenvolveuse durante toda a fin de semana. O venres día 10 foi a xornada de adestramento oficial. O sábado 11 disputáronse dúas roldas de 18 ocos e na xornada do domingo unha rolda máis que decidiu quen foi o Campión de España deste ano.
O alcalde quixo resaltar que “nesta derradeira semana se veñen de celebrar importantes citas deportivas en Monforte de Lemos, que trouxeron un amplo número de persoas á nosa cidade co correspondente impacto económico e tamén como unha ocasión de promoción dos recursos turísticos, patrimoniais e gastronómicos que temos na Capital da Ribeira Sacra”.