O alcalde de Monforte destina 25.000 euros en axudas para a adquisición de material escolar

RibeiraSacraXa
O alcalde do concello de Monforte destina 25.000 euros en axudas para a adquisición de libros e material escolar
material escolar
12 Aug 2022

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, vén de aprobar as axudas destinadas ás familias de Monforte para a adquisición de libros de texto e material escolar complementario para o curso 2022/2023.

“En previsión do aumento da demanda deste tipo de axudas, dende o Equipo de Goberno decidimos incrementar en algo máis de 5.000 euros as axudas para este ano 2022, alcanzando os 25.000 euros”, destaca o rexedor monfortino. En 2021 foron 169 as solicitudes resoltas favorablemente fronte ás 192 de 2022.

Deste xeito, o alcalde mantén o seu compromiso co investimento en política social, sendo así sensible ás necesidades das familias, compromiso que se traduce nos 25.000 euros destinados en 2022 a estas axudas, co fin de atender a todas as solicitudes presentadas, e non deixar atrás a ningunha familia que o necesite.

As axudas teñen como finalidade apoiar ás familias con menor renda per cápita do municipio de Monforte que presenta dificultades económicas para afrontar os gastos que supoñen a adquisición de material escolar e libros, ante o inicio do curso escolar o vindeiro mes de setembro.

Estas axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar complementario están destinadas ó alumnado empadroado no concello de Monforte e escolarizado para o curso 2022/2023 en educación infantil (3-6 anos), educación primaria, educación secundaria obrigatoria ou educación especial, nalgún dos centros docentes públicos ou concertados existentes no municipio.

REQUISITOS

Os vales axuda poderán ser recollidos dende o mércores 10 de agosto na secretaría do centro de  Servizos Sociais do Concello emprazada no primeiro andar do centro Cívico Social (Paseo do Malecón).

A data límite para a súa recollida será o 9 de setembro e a data de caducidade dos vales será ata o 12 de outubro de 2022. O importe destas bolsas vai dende os 72 euros ata os 340 euros, dependendo do número de fillos ou fillas por familia e do curso que estuden.

No caso de non retirar o vale no prazo establecido entenderase existe unha renuncia tácita e procederase a anular o vale. Do mesmo xeito, anularanse os vales cando se presente a renuncia expresa. En caso de extravío do vale tanto pola persoa beneficiaria coma por libraría non se expedirá un novo vale.

No caso do alumnado pendente de matrícula en setembro a entrega do vale estará condicionada á presentación do certificado de matriculación no curso 2022/23.

Unha vez que a persoa solicitante este en posesión do vale, poderá adquirir os libros e material escolar en calquera librería do municipio de Monforte de Lemos, a súa libre escolla e polo importe máximo que figura no documento.

Se o importe do material escolar adquirido é inferior ó valor do vale, o persoal do establecemento deberá establecelo na factura correspondente ó interesado  que emitirá o concello de Monforte de Lemos facendo constar o número de vales e o importe realmente gastado, perdendo a persoa beneficiaria a diferenza; se o importe fose superior ó do vale, o persoal do establecemento emitirá a factura polo importe do vale e a diferenza será facturada á persoa solicitante. O Concello soamente asumirá a contía establecida no vale.

Os vales non poderán ser fraccionados, é dicir, o importe de cada vale só pode ser utilizado nun único establecemento. Unha vez entregado o material escolar a persoa solicitante entregará o vale asinado ó establecemento que quedará en posesión do mesmo.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.16520595550537