O alcalde de Monforte conta con que quede adxudicada a supresión dos pasos a nivel de Juan Montes e Rioseco este ano
O alcalde de Monforte, José Tomé vén de anunciar que o pasado xoves, día 15 de xuño, publicouse na plataforma de contratación do sector público a licitación do proxecto de supresión de pasos a nivel dos puntos kilométricos 361/620 e 361/845 na líña León – Coruña no término municipal de Monforte de Lemos, que se corresponden cos pasos a nivel de Juan Montes e Rioseco.
O pasado 26 de maio, José Tomé informaba aos veciños e veciñas de Monforte da recepción dunha comunicación da subdirección xeral de pasos a nivel e instalacións de protección e seguridade de ADIF de que rematara o expediente para licitar a obra de supresión dos pasos a nivel de Juan Montes e Rio Seco, no término municipal de Monforte de Lemos, que inclúen 5 Novas Rúas, un Paso Inferior baixo a vía de ferrocarril de Monforte – Lugo, unha Rotonda e unha Ponte sobre o Rioseco.
Na citada información, tal e como explicou rexedor, ADIF informaba tamén de que se producira un incremento do custe da obra motivado pola actualización de prezos dos materiais de construcción para obra pública, ascendendo o presuposto de licitación a 6.837.621,84 euros, que engadido o 21 % do IVE, aumenta a 8.273.522,43 euros.
José Tomé concretou que “esta publicación na plataforma será completada coa publicación no Boletín Oficial do Estado nos próximos días, de xeito que as ofertas das empresas para a execución das obras poderanse presentar ata o próximo 14 de xullo ás 13 horas”. “A previsión é que as obras queden adxudicadas dentro deste mesmo ano, para que a comezos do próximo poidan iniciarse as obras fisicamente, sobre o terreo, e quedar rematadas para entrar en servizo ao longo do ano 2025”.
Este proxecto de supresión dos pasos a nivel era un dos compromisos que figuraron no programa electoral do PSOE de Monforte, no punto 5 do apartado de infraestructuras e, como xa indicou no discurso da Toma de Posesión José Tomé, "xa está en marcha o cumprimento deste compromiso, que sen dúbida é un proxecto moi relevante que vai cambiar a fisionomía da cidade nesa zona de Monforte, mellorando ascomunicacións tanto para vehículos como para persoas, dado que xa non haberá que estar esperando nos pasos a nivel, e, sobre todo, a mellora que supón na seguridade dos peóns, polo risco que supón cruzar as vías tal e como está na actualidade”.