O alcalde de Monforte apunta que a tormenta do domingo foi "unha sorpresa"
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, tiña claro que a situación vivida por mor das fortes choivas este domingo na vila “foi unha sorpresa. É certo que tiñan anunciado choiva pola tarde dende meteogalicia pero para nada con esta intensidade”.
“Se produciu unha tormenta que descargou una tromba de auga non vista en moito tempo. Segundo os datos de mMtogalicia en duas horas caeron 64,6 litros por metro cadrado o cal é unha barbaridade de auga caída en pouquiño tempo”, subliña José Tomé, quen incide en que “pouco antes de producirse a tormenta facía unha calor sofocante que según os datostamén de Meteogalicia chegou a 30,8 grados”.
PROBLEMAS EN MOITOS SITIOS
O alcalde monfortino destacou que “esa descarga de auga tan enorme produxo problemas en moitos sitios da cidade non so na zona de Compañía e Cardenal, que foron das máis afectadas. Houbo inundacións na Ponte da Virxe, no Morin e en sitios onde xeneralmente nunca houbo inundacións como no Cardenal, en Valle Inclán”.
José Tomé fixo un somero reconto dos lugares afectados pola choiva como “a Praza Otero Goyanes onde se inundou o baixo da Oficina do Peregrino”.
INTERVENCIÓNS DOS BOMBEIROS
“Houbo problemas en múltiples sitios como en algún pasos a nivel ou zonas onde se deron desprendimentos de barro e pedras provocando moitas dificultades para pasar dunha zona a outra”, insiste o rexidor monfortino, quen subliñou que “os bombeiros tiveron que actuar no tramo que vai da Presa de Vilanova ao campo de golf porque caeu unha árbore”.
Tomé Roca apunta tamén que “no edificio dos Xulgados caeu o teito e inundose a zona de baños. Rexistráronse un montón de incidencias. En total producíronse 56 chamadas á Policía Local entre as 19.30 e as 22.00 horas. De elas, 14 chamadas foron ao 112”.
“Afortunadamente non houbo danos persoais. So houbo pérdidas materiais, que son importante, pero por sorte as persoas non sufriron danos”, finaliza o alcalde de Monforte.
CRÍTICAS DO PARTIDO POPULAR
Os populares de Monforte consideran que “a chuvia intensa de onte evidenciou as chapuzas de Tomé”. A voceira, Katy Varela, subliñou que “a estampa apocalíptica que se viviu durante algunhas horas na cidade de Monforte é un reflexo da xestión de Tomé á fronte da alcaldía de Monforte”.
A popular apunta que “os sumidoiros están colapsados e os monfortinos sufriron as súas consecuencias. Tal e como nos comentaban os veciños, comprobamos a aparición de ratas mortas e sucidade solidificada. É certo que a chuvia foi intensa e continuada durante preto dunha hora pero tampouco podemos negar que a nosa rede de saneamento e abastecemento non está no estado máis óptimo”.
Como xa advertiran dende o Grupo Municipal Popular tralas obras na Praza Doutor Goyanes e Armando Cotarelo, “a auga estancouse onte nesa zona; igual que na rúa Corredoira e noutros puntos onde o asfalto é constante”.
Katy Varela defende “gastar o diñeiro de todos con cabeza e moito razoamento para evitar que en Monforte se volvan a dar situacións coma estas; e non gastar para aparentar que se fan cousas”, puntualiza.
CONTRATACIÓN DO SAF
A voceira do Grupo Municipal Popular explica tamén que “o equipo de goberno local leva ao pleno deste luns a aprobación do expediente de contratación do Servizo de Axuda no Fogar. Aínda que, curiosamente, está xa na plataforma de contratacións publicado dende o día 13 de maio”. A popular condena, polo tanto, que “Tomé volve a traballar de forma caótica e sen a orde legalmente establecida. Despois estráñase das denuncias e demandas que lle presentan”.
Ademais, “os medios de comunicación fixéronse eco do malestar dos empregados do servizo co prego do contrato, o que implica que Tomé novamente evitou sentarse a falar cos verdadeiros implicados neste asunto e enzárzase nun novo conflito”, conclúe Varela.