O alcalde da Pobra do Brollón critica que o PP se posicione en contra do convenio entre o Concello e a área de Rural
O alcalde da Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda, pide ao grupo municipal do Partido Popular "que aclare se está en contra de que a Deputación de Lugo invista neste concello".
O alcalde demanda aos populares locais un posicionamento despois de que o seu portavoz provincial, Antonio Ameijide, criticara o convenio entre o Concello e a área de Rural para adquirir un todoterreo para dar servizo e atender as zonas rurais.
"Non é un vehículo para uso do alcalde ou das concelleiras, como suxiren as declaracións demagóxicas do portavoz do Partido Popular na Deputación, senón un todoterreo que utilizará o persoal municipal para atender servizos fundamentais como o alumeado, o abastecemento de auga ou o funcionamento de espazos públicos. O Partido Popular da Pobra do Brollón debería explicar ás veciñas e veciños que pensa das declaracións do seu portavoz provincial e se quere ou non que a Deputación de Lugo invista neste concello", incidiu o alcalde.
O Concello da Pobra do Brollón e a área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo asinaron un convenio de colaboración de 92.000 euros para financiar a adquisición dun vehículo todoterreo novo, que estará ao servizo do persoal municipal para os desprazamentos e tarefas relacionados con servizos e infraestruturas do Concello nas parroquias rurais, como o control do alumeado público, os servizos de abastecemento de auga e saneamento, a recollida de residuos ou a atención a edificios e espazos municipais.
O novo vehículo incorporarase ao parque de vehículos e maquinaria municipal, que xa fora ampliado con outras colaboracións da área de Rural nos últimos anos, como a adquisición dun tractor de segunda man, unha rozadoira e diversos aparellos manuais para realizar labores de limpeza e mantemento.