O aceite de Ouro de Quiroga recibiu o terceiro premio nos Premios Oficiais da Escola Superior del Aceite de Oliva
O aceite Ouro de Quiroga, nas súas variedades Mansa e Brava, recibiu o terceiro premio na categoría de variedade local da ESAO Awards, os Premios Oficiais da Escola Superior del Aceite de Oliva.
Estes premios recoñecidos internacionalmente e nos que este ano participaron máis de 170 olivicultores de España, Portugal, Grecia, Italia, Turquía, Líbano, EEUU e Brasil, garanten a calidade dos aceites de oliva virxe extra.
Ademais deste recoñecemento internacional para un dos seus aceites, Ouro de Quiroga forma parte do Grupo Operativo ‘Oliveiras de Galicia’ para a multiplicación a grande escala de oliveira autóctona.
A Misión Biolóxica de Galicia (Pontevedra) acolleu a presentación deste Grupo Operativo cuxo labor é pór a punto e optimizar a grande escala técnicas para multiplicación mediante estaquillado clásico e micropropagación in vitro, de 11 variedades únicas de oliveiras autóctonas galegas: Brava Galega, Brétema, Carapucho, Carmeliña, Folgueira, Hedreira, Mansa Galega, Maruxiña, Santiagueira, Susiña e Xoana. Ademais, sentará as bases para iniciar estudos comparativos sobre o comportamento agronómico destas variedades en plantacións experimentais situadas en diferentes puntos de Galicia.
Oliveiras de Galicia
‘Oliveiras de Galicia’, que desenvolverá o seu labor ata setembro de 2026, prevé que cos seus resultados se alcance un salto tecnolóxico na obtención de plantas enraizadas ademais da transferencia de coñecemento ao sector produtivo e á cadea de valor do oliveiral galego.
Entre os seus obxectivos, ademais da optimización dos procesos de multiplicación de material vexetal, figura a comprobación da adaptación ás condicións reais de cultivo en campo das plantas de oliveira procedentes dos dous tipos de multiplicación; o aproveitamento das variedades de oliveira autóctona galego; a recuperación a medio prazo de terras agrarias actualmente abandonadas en moitas zonas de Galicia pola falta de alternativas, pero que reúnen as condicións axeitadas para o cultivo da oliveira ou a recuperación do oliveiral galego actualmente esquecido, pero que tivo gran importancia e extensión en séculos pasados.
O proxecto articúlase como un consorcio liderado pola Fundación Juana de Veiga e participado pola Misión Biolóxica de Galicia (CSIC) e as empresas Ouro de Quiroga (Lugo) e Oliveiral da Concordia (Valga, Pontevedra). Como entidade colaboradora, a Axencia Galega dá Calidade Alimentaria (AGACAL) da Xunta de Galicia.