O acceso a Fondo de Vila, en Folgoso do Courel, será rehabilitado cun investimento de 300.000 euros

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto á directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asinou hoxe coa alcaldesa de Folgoso do Courel, Dolores Castro, o convenio para a humanización do acceso a Fondo de Vila, unha actuación enmarcada no Plan Hurbe na que se investirán máis de 300.000 euros.
A conselleira puxo en valor este programa, co que a Xunta colabora cos concellos en actuacións dirixidas á dotación de equipamentos públicos e de mellora de contornas urbanas. O obxectivo é promover o desenvolvemento das vilas e núcleos rurais da comunidade autónoma como motores de dinamización que permiten achegar o modelo urbano a todo o territorio.
Os traballos que se abordarán consistirán na habilitación da vía V1 proposta no Plan xeral de ordenación urbana municipal (PXOM), para ampliar o acceso aos servizos e dotacións municipais, como son o albergue, o edificio de usos múltiples ou o museo.
Coa finalidade de humanizar o acceso a Fondo de Vila, a través desta intervención proponse construír unha calzada única sostida en parte sobre un muro de contención, unha coieira coroada con varandas de madeira, buscando a harmonía co territorio.
De acordo ao convenio a Xunta, a través da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, asumirá o 70% do orzamento, máis de 210.000 euros, e contratará e executará as obras, mentres que o Concello de Folgoso do Courel achegará o 30% restante do custe das obras, algo máis de 90.000 euros. Tamén se encargará das xestións pertinentes para posibilitar a execución das obras, e asumir a explotación, mantemento e conservación das actuacións que se leven a cabo.
A colaboración entre este departamento e o Concello de Folgoso do Courel, enmárcase na continuada colaboración entre o Goberno galego e as entidades locais para a execución de obras e outras actuacións en materia de urbanismo.