O 23-X xogámonos moito

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa
De Foliada en Reigada, unha lembranza da provincia e da vinculación das súas xentes coa cultura e coa tradición.
Moncho paz
14 Jul 2023

Por Moncho Paz
O Estatuto de Autonomía de Galicia de 1936 foi redactado durante a Segunda República e plebiscitado o 28 de xuño daquel mesmo ano, mais non chegou a aplicarse debido ao estalido da Guerra Civil, pois Galicia quedou en mans dos militares sublevados dende o seu inicio. Isto foi o que aconteceu.

En 1929 xurdía a Organización Republicana Galega Autónoma, vencellada nas súas orixes ás Irmandades da Fala coruñesas e liderada por Santiago Casares Quiroga e Antón Vilar Ponte, cun programa de tendencia federalista que se concretou no pacto de Lestrove (marzo de 1930), coa creación da Federación Republicana Galega. Ao ano seguinte entraría na escena política o Partido Galeguista, liderado por Castelao; mais o camiño cara á autonomía xa comezara tras a proclamación do 14 de abril en Madrid e a marcha de Alfonso XIII ao exilio. O Seminario de Estudos Galegos elaborou un proxecto estatutario no que Galicia era definida como un Estado Libre dentro da República Federal Española, o cal non foi aceptado polas forzas maioritarias galegas. O mesmo destino correron outros proxectos, como o texto consensuado polos parlamentarios galegos nas Cortes Constituíntes.

En abril de 1932, o alcalde republicano de Compostela Raimundo López Pol, impulsou un movemento municipalista a prol da autonomía. Tres meses despois, celebrouse unha asemblea de municipios na que se acordou constituír unha comisión redactora, integrada por Salvador Cabeza de León (ex-alcalde compostelán e decano da Facultade de Dereito da Universidade de Santiago), Manuel Iglesias Corral (primeiro mandatario da Coruña), Eladio Rodríguez (presidente da Real Academia Galega), Manuel Lugrís Freire (académico da RAG), Enrique Rajoy Leloup (concelleiro santiagués e decano do Colexio de Avogados), Xacobe Arias (enxeñeiro forestal da Coruña), Rodrigo Sanz López (presidente do Secretariado de Galicia en Madrid), Santiago Montero Díaz (doutor en Filosofía e Letras), Avelino López Otero (secretario do Partido Republicano Galego) e Alexandre Bóveda (dirixente do Partido Galeguista). O anteproxecto preparado por esta comisión debateuse nunha nova asemblea en decembro dese ano, na que se aprobou o documento definitivo co apoio do 77 % dos municipios galegos, que representaban ao 85 % da poboación.

O procedemento necesario -que incluía un referendo sobre o texto- non se levou a cabo debido ás disensións entre as forzas políticas galegas, e tamén polo parón autonomista imposto durante o bienio radical-cedista. Só se recuperaría tras o triunfo da Fronte Popular en febreiro de 1936. Cando o Partido Galeguista optou por apoiar á Fronte Popular, a crise interna foi moi intensa, e un sector importante, encadrado na denominada Dereita Galeguista e liderado por Vicente Risco, abandonou a organización.

O 28 de xuño de 1936 celebrouse finalmente o referendo do Estatuto. Un día histórico, que ademais coincidía co feito de que Santiago Casares Quiroga presidía daquela o Goberno da Segunda República. Galicia foi empapelada con carteis de Castelao, Luís Seoane e Camilo Díaz Baliño, entre outros. Dos electores do censo (1.343.135 en total), votaron preto do 75 por cento: 993.351 a favor, 6.161 en contra e 1.451 papeletas en branco. O 15 de xullo de 1936, Gómez Román e Castelao entregaron ao presidente das Cortes Españolas o texto aprobado do Estatuto para o comezo do proceso de tramitación. Tres días máis tarde producíase o golpe de estado de Franco.

Coincidindo co aniversario do Estatuto, hai uns días o secretario xeral dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, facía un chamamento á sociedade para acudir ás urnas e dar unha resposta contundente a unha extrema dereita que ameaza con rematar coa autonomía “baixo amparo da dereita que se dicía moderada”. Fixo estas declaracións no transcurso da ofrenda floral a Castelao no Panteón de Galegos Ilustres, en conmemoración do plebiscito do Estatuto de 1936, emprazando a todas as forzas políticas con representación no Parlamento para facer unha actualización do Estatuto de Autonomía de 1981 en materias clave, asumindo “un papel protagonista, como o que tivemos na conformación do Estatuto do 36”.

Nas eleccións xerais do vindeiro 23 de xullo a cidadanía terá que escoller entre dous modelos. Fronte á idea dun país moderno e un proxecto europeísta, que consolida dereitos sociais, laborais e económicos, aparece no horizonte unha treboada que nos pode levar outra vez a unha dura realidade en branco e negro, onde se conxuran principios que van contra os dereitos das mulleres, contra a diversidade en calquera aspecto da vida, volvendo a unha cultura capada e a non respectar a pluralidade estatal. Estamos en situación máximo risco, na xornada do 23-X xogámonos moito. Por iso precisamos que acudas a depositar o teu voto e conseguir así un novo mandato do Goberno progresista, que axudará a seguirmos avanzando en dereitos e liberdades. Faino por todas e todos, faino por ti.

ROSA e FUTURO

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18501687049866