Novos traballos na LU-651 entre Folgoso e Seoane do Courel esixirán desvíos na estrada
Este martes comezará a execución dos traballos de movemento de terras para obter o ensanche da plataforma da calzada na estrada LU-651 que obrigarán a realizar un corte temporal da circulación de vehículos entre os P.k. 31+300 (acceso á Ferrería Nova e ao CPI Uxío Novoneira) ao P.K. 33+300 (Seoane do Courel).
Así, ata o venres 9 de febreiro manterase este corte poder acometer os traballos e garantir a seguridade dos usuarios da devandita estrada, habilitando para iso desvíos alternativos sinalizados segundo o tipo de vehículos.
O horario previsto de corte será, en días laborables, dende as 9.30 horas ata as 17.00 horas, salvo o venres, que se abrirá antes para permitir o paso do transporte escolar ao finalizar o horario lectivo antes, quedando restablecida a circulación dos vehículos fóra da devandita franxa horaria, mediante un carril libre cunha regulación semafórica.
Desvíos alternativos para desprazarse entre Folgoso do Courel e Seoane
Se o vehículo é lixeiro e de anchura e altura inferior a dous metros, poderá pasar por un paso alternativo, regulado por semáforos, polo camiño que baixa dende Seoane (á altura do bar Lembranza, por tras de Correos) á Ferrería Nova. Tamén pode tomar a ruta alternativa a través de Moreda
Pola súa parte, se o vehículo é pesado ou de anchura ou altura superior a dous metros, para chegar a Seoane deberá acceder pola estrada provincial LU-P-1301 ue penetra no Concello polo norte, procedente de Hospital, en Pedrafita do Cebreiro. Ou acceder pola estrada provincial LU-P-5601 que penetra no Concello polo oeste por Lóuzara e Meiraos. Ou acceder pola estrada provincial LU-P-1303 que provén do leste e do sur, procedente de Quiroga, por Ferramulín, Hórreos e Visuña.
Os vehículos pesados ou das características de dimensións indicadas que circulen no sentido dende Folgoso cara a Seoane, deberán tomar un desvío sinalizado en Mogoxe (LU-651, km 28,75) pola estrada provincial LU-P-1306, dirixíndose cara Seoane por Seceda, Santalla, Lóuzara e Meiraos para chegar a Seoane pola LU-P-5601.