Novos contedores para a recollida de aceites de uso doméstico foron instalados en Quiroga
O Concello de Quiroga, en colaboración coa ONG VI.NI.A, instalou sete novos contedores específicos para a recollida de aceites de uso doméstico, que se instalaron nos núcleos de Montefurado, Bendollo, A Ribeira e na vila de Quiroga, ampliando o servizo dos de cor verde existentes, como recalcaron os concelleiros Luis Manuel Arias e Antonio Marcos.
Os novos contedores de cor vermella están distribuídos nos lugares nos que xa se atopaban os demais contedores, pero que non había para o aceite, facilitando que todos os veciños poidan reciclar dende distintos puntos do municipio comodamente e co obxectivo de avanzar na reciclaxe de residuos e especialmente na de aceites usados, un dos residuos que máis se xera a nivel doméstico e que máis contamina.
Ademais de non supór un coste para las arcas municipais, xa que a ONG os instalou gratuitamente, este servizo repercute en importantes beneficios medioambientais, como a redución da contaminación das augas, e a súa reciclaxe como biocarburante.