Nove proxectos liderados por mulleres na zona sur de Lugo beneficiáronse do programa “Emega” de emprendemento femenino

RibeiraSacraXa
As achegas chegaron a emprendedoras dos concellos de Monforte de Lemos e Chantada, con tres proxectos en cada un deles, así como a Pantón, A Pobra do Brollón e O Saviñao
arias-emegaa-monforte
28 Jan 2026

A Xunta de Galicia impulsou durante o pasado ano nove negocios liderados por mulleres na zona sur da provincia de Lugo a través do programa “Emega” de emprendemento feminino. As axudas concedidas no marco desta convocatoria alcanzaron os 94.000 euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou este martes en Monforte de Lemos dous dos establecementos beneficiarios destas axudas: a óptica Bel Optometría e o bar Cristal. Ambos proxectos acolléronse á liña “Emerxe”, dirixida a apoiar novas iniciativas empresariais e a creación de emprego feminino estable, tanto por conta propia como allea.

No que respecta á distribución territorial, as achegas chegaron a emprendedoras dos concellos de Monforte de Lemos e Chantada, con tres proxectos en cada un deles, así como a Pantón, A Pobra do Brollón e O Saviñao, cunha iniciativa beneficiaria por municipio.

A maior parte das solicitudes corresponderon á modalidade “Emerxe”, cun total de sete beneficiarias, mentres que as outras dúas axudas se concederon a través da liña “Impulsa”, destinada á consolidación ou reactivación de negocios xa existentes e á implantación de medidas de mellora da competitividade.

Grazas a este programa creáronse nove postos de traballo, sete deles por conta propia e dous mediante contratación. Ademais, catro das beneficiarias eran persoas desempregadas de longa duración e a iniciativa permitiu tamén o mantemento de dous empregos.

Os negocios apoiados pertencen a sectores diversos como a hostalería, a pastelaría, os salóns de peiteado, as clases de ioga, a óptica, a venda de produtos para mascotas ou o comercio de xoguetes, entre outros.

Segundo explicou Javier Arias, a Xunta convoca cada ano o programa “Emega” co obxectivo de fomentar o liderado feminino no ámbito laboral. Esta iniciativa inclúe catro modalidades de axudas: “Emerxe”, “Impulsa”, “Innova”, orientada a proxectos de base científica ou tecnolóxica, e “Concilia”, destinada a favorecer a conciliación profesional.

⚙ Configurar cookies
0.078792095184326