Nove concellos ourensáns activan a xeolocalización de vivendas para impulsar a rehabilitación no rural

Nove concellos da provincia de Ourense que integran o proxecto RE-HABITA RURAL LAB, celebraron esta semana unha reunión no Concello de Boborás para iniciar a posta en marcha dos servizos asociados á xeolocalización e mapeo de vivendas.
O obxectivo principal desta iniciativa é crear unha bolsa de alugueiro social orientada prioritariamente a mulleres, co fin de favorecer a autonomía e o arraigo feminino no rural. Desde o proxecto destacan que “as mulleres son o alicerce fundamental para fixar poboación e dinamizar a economía local”.
A xeolocalización estratéxica de vivendas constitúe un valor diferencial do proxecto. A empresa EIBISA, representada por un equipo paritario de catro especialistas, explicou que este mapeo técnico permitirá identificar vivendas susceptibles de alugueiro ou compra, cruzando os datos cunha plataforma inmobiliaria rural.
Ademais, o proxecto contará cun servizo de asesoramento xurídico e técnico presencial, que dará comezo en abril, para acompañar tanto a propietarios como a persoas interesadas en acceder ás vivendas.
Os concellos que participan neste proxecto son San Xoán de Río, Porqueira, Boborás, Vilariño de Conso, Xunqueira de Espadanedo, Oímbra, Esgos, Taboadela e Coles, que buscan con esta iniciativa liderar a rehabilitación do rural a través de tecnoloxía e planificación estratéxica.