Nova formación sobre o castiñeiro en Chantada

RibeiraSacraXa
Chantada acolle o martes 7 de setembro o curso O castiñeiro de froito: enxertos e podas. Renovación dos soutos.
ancares courel
26 Ago 2021

Chantada acolle o martes 7 de setembro o curso O castiñeiro de froito: enxertos e podas. Renovación dos soutos. A acción formativa celebrarase no Telecentro de Chantada, ás 16 horas.

O obxectivo principal deste curso é planificar as plantacións de castiñeiros en función das zonas e do destino final do produto, ademais de complementar a formación dos produtores de castaña sobre as novidades de investigación, os tratamentos das árbores, as tendencias técnicas do mercado, entre outros aspectos.

Así, o programa terá un apartado sobre a planificación, onde se abordarán as variedades priorizadas de castiñeiros para froito, os principais polinizadores, as condicións óptimas do solo, a orientación das plantacións e os indicadores de vexetación.

No tocante ao apartado de repoboación, analizaranse as mellores técnicas de roza, preparación do terreo e replanteo. Na parte de plantación, trataranse aspectos como os portaenxertos e daranse consellos para o correcto cultivo destas árbores. Por último, tamén se abordarán outras recomendacións como o tipo de rego ou fertilizantes a usar neste tipo de plantacións.

A Agacal, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.

Así mesmo, a inscrición é gratuíta e para iso, é preciso descargar a folla de inscrición no enlace da web da Consellería do Medio Rural. Posteriormente, haberá que envialo ao enderezo electrónico info@castanadegalicia.org.

0.17792010307312