Nova fase na escavación do xacemento arqueolóxico de Proendos en Sober
Os traballos de escavación no xacemento arqueolóxico de Proendos no Concello de Sober inician hoxe unha nova fase.
En concreto, a empresa Tempos Arqueólogos, encargada da exploración do xacemento, desprazou a seis traballadores ata a localidade onde xa se atopan levando a cabo as súas escavacións, que se prolongarán durante dúas semanas.
A actuación vai consistir na apertura da parte suroeste do hórreo romano aínda sen escavar atopado nos anteriores traballos, un achado que podería converterse no máis grande de Galicia e o primeiro da Comunidade vinculado a unha vila romana.
A maiores, levarán a cabo traballos de escavación preto da igrexa para analizar a posible existencia dun posible columbario formado por varias estruturas circulares.
Cómpre recordar que no traballo de campo anterior saíron á luz numerosos materiais de ampla cronoloxía que van desde o século I ata o século V.