Nova fase na candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial

RibeiraSacraXa
Vaise ampliar o equipo técnico da candidatura con novos perfís e intensificar o contacto coas administracións e a poboación local.
xunta reunion 2
24 Oct 2021

A Xunta de Galicia e o Ministerio de Cultura y Deporte iniciaron esta semana unha nova fase na candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial a través dunha reunión con representantes do Icomos, órgano asesor da Unesco, na que participaron o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez; o embaixador de España ante a Unesco, Juan Andrés Perelló; a directora general de Bellas Artes do Ministerio de Cultura, María Dolores Jiménez-Blanco, e a directora general do Icomos, Marie-Laure Lavenir, entre outros.

O responsable de Cultura da Xunta, que estivo acompañado polo equipo técnico da candidatura, explicou que esta xuntanza marca un punto de inflexión no proceso da candidatura para conseguir o máximo recoñecemento da Unesco, revisar o expediente en colaboración cos membros do órgano asesor e seguir avanzando co máximo rigor e calidade. “Seguimos crendo no gran valor da Ribeira Sacra e melloraremos todo o que sexa preciso para dar o último paso con toda a forza e conseguir o si definitivo”, declarou.

O obxectivo compartido entre a Comunidade Autónoma e o Goberno do Estado é intensificar o traballo e avanzar, da man do Icomos, para dar un novo impulso á candidatura mediante un novo proceso de diálogo que acredite coas máximas garantías os valores excepcionais deste territorio. Para iso, contarase co “compromiso de todos.”

Para conseguilo, tal e complicou Román Rodríguez, o Goberno galego vai ampliar o equipo técnico que traballa na candidatura co fin de incorporar novos perfís. Ao mesmo tempo, vaise intensificar o contacto coas administracións implicadas así como cos propios veciños. “O noso propósito é inaugurar e ampliar un novo proceso de diálogo que permita intensificar a nosa estratexia e dar un novo impulso á candidatura da Ribeira Sacra”, precisou.

Proceso colaborativo

O representante da Xunta aproveitou para lembrar que desde o aprazamento estratéxico da candidatura continuouse sumando esforzos e traballando para perfeccionar o expediente. “Agora queremos avanzar e por iso solicitamos a axuda e colaboración do Icomos para estar na fase final no prazo de tempo máis breve posible”, afirmou.

Antes de rematar, Román Rodríguez agradeceu a implicación do Ministerio de Cultura e o labor dos técnicos autonómicos e estatais que traballan nesta candidatura e animounos a seguir esforzándose “para consolidar o gran potencial deste territorio que conta cun gran futuro e que é hoxe máis coñecido que nunca”.

0.1421160697937