Nova adquisición para o pavillón da Pinguela en Monforte
O Concello de Monforte ven de anunciar a adxudicación á empresa Mondo Ibérica S.A.U., do subministro e instalación dun videomarcador deportivo Led de última xeración, que será ubicado no pavillón polideportivo municipal de A Pinguela. O prezo de adxudicación foi de 27.163,11 euros ive engadido.
O alcalde salientou que “con este novo videomarcador, que substituirá á anterior instalación, un marcador tradicional composto por díxitos de bombilla, o pavillón municipal de A Pinguela, que é unha das infraestruturas deportivas máis importantes da cidade, contará dende agora cunha ferramenta esencial para o desenvolvemento de todo tipo de eventos deportivos, e tamén facilitará os adestramentos e competicións dos equipos monfortinos que habitualmente usan estas instalacións, como o Club Voleibol Ribeira Sacra, o Club Korbis ou o Club de Ximnasia Rítmica Quicela, así como as actividades dos centros educativos da cidade”.
Esta Pantalla Led, que ten unhas dimensións de 10 m2 (4 x 2,5 m.), poderá utilizarse como marcador electrónico multideporte, como pantalla publicitaria ou como soporte audiovisual para calquera evento deportivo ou non deportivo, “polo que permitirá darlle un valor engadido ó pavillón de A Pinguela”.
No pavillón polideportivo de A Pinguela, que se ubica na estrada de Sober, adestran e compiten diversos clubes da cidade e alberga eventos deportivos de diversas modalidades como taekwondo, ximnasia rítmica e voleibol.
Nas instalacións do pavillón tamén se levan a cabo actividades propias do deporte escolar monfortino, dispútase a liga local de fútbol sala e lévanse a cabo as actividades do Programa Deportivo de Verán que organiza o Concello de Monforte cada ano.
“Coa adquisición deste novo videomarcador de última xeración, que sen dúbida reforzará os servizos que ofertamos no pavillón de A Pinguela, dende o Equipo de Goberno seguimos a mellorar as infraestruturas deportivas da nosa cidade. Cabe recordar que nos pasados meses reformamos a instalación eléctrica deste pavillón, e dotamos dunha nova iluminación o Campo municipal de A Pinguela, cunha inversión total de case 110.000 euros”.
O prazo de entrega do novo videomarcador do pavillón de A Pinguela será de 6 días hábiles dende a formalización do contrato entre o Concello e empresa adxudicataria.
Videomarcador “MONDO Smart System modelo Antares”
O novo videomarcador do pavillón de A Pinguela é unha pantalla led deportiva de 10 m2 (4 x 2,5 m.) que se pode utilizar como marcador electrónico multideporte, como pantalla publicitaria ou como soporte audiovisual para calquera evento deportivo ou non deportivo.
A pantalla dispón, para a súa xestión, dun sistema de control composto por un ordenador e un software deportivo e multimedia.
Software multideporte deseñado por MONDO que permite converter unha pantalla led nun marcador electrónico deportivo. O deseño do marcador é completamente personalizable, permitindo ó usuario unha gran liberdade para mostrar o marcador segundo as necesidades.
Unha das principais vantaxes deste do software Mondovideo é que, cun único software, pódese dispoñer de distintos marcadores segundo a disciplina deportiva que se vaia a realizar, posto que integra múltiples deseños para diversos deportes.
O sistema xenera a imaxe que representa un marcador electrónico deportivo, optimizada ó tamaño e resolución da pantalla Led para garantir a mellor calidade de imaxe posible.
A información de dito marcador actualízase en tempo real en función da información recibida da consola de control Ulises de MONDO.