Nace unha nova APP de promoción turística da Ribeira Sacra
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presentou este mércores a carón das Casitas da Compañía, en Monforte de Lemos, a APP Turisgalicia Ribeira Sacra, unha guía dixital que permite un acceso rápido e sinxelo a información útil e actualizada sobre os recursos patrimoniais, hostalería, hospedaxe, rutas, actividades e eventos da comarca.
A institución provincial é a principal patrocinadora desta nova ferramenta para a promoción turística da Ribeira Sacra, que “axudará a recuperar a actividade dos sectores económicos que máis sufriron os efectos da pandemia: o turismo, a hostalería e o comercio local”, subliñou José Tomé.
A aplicación para dispositivos móbiles Turisgalicia Ribeira Sacra contén unha guía de ocio actualizada, unha selección de experiencias de turismo, deportes e ocio, lugares de interese, unha oficina virtual de turismo, un apartado específico sobre o Camiño de Santiago con todos os recursos para o peregrino, unha relación de adegas, rutas e outra relación de centenares de empresas o que axudará á promoción do comercio local.
Os contidos da APP actualizaranse diariamente con novos eventos culturais e información dos concellos da Ribeira Sacra. Incorpora tamén un sistema de xeolocalización que permitirá coñecer de xeito instantáneo os recursos turísticos máis próximos e como chegar a eles. A APP Turisgalicia ofrece ademais un servizo de información de utilidade para os concellos e os veciños e veciñas, xa que integra un apartado de información municipal. Está dispoñible en castelán e galego, e pódese descargar en dispositivos Android e Apple.
O Presidente da Deputación subliñou que esta ferramenta dixital de promoción turística da que a institución é principal patrocinadora “axudará a recuperar a actividade dos sectores económicos que máis sufriron os efectos da pandemia: o turismo, a hostalería e o comercio local”. Explicou Tomé Roca que “nesta APP, os usuarios e usuarias poden encontrar, de forma sinxela, lugares, monumentos, rutas, paisaxes da Ribeira Sacra para visitar, pero tamén para aloxarse e para comer, o que repercutirá de xeito directo na súa actividade”.
José Tomé lembrou que, precisamente nesta liña de contribuír a reactivar a actividade turística, hostaleira e comercial dunha maneira estable e eficaz “tamén temos en marcha outra serie de medidas, como, por exemplo, os Bonos Impulso, descontos de 30 euros para un consumo igual ou superior a 60 euros en establecementos de toda a provincia, que xerarán un volume de negocio estimado de 1,5 millóns de euros”. Os Bonos Impulso, lembrou, poderán solicitarse ata o vindeiro luns, 21 de xuño.
Engadiu o responsable provincial que a Deputación conseguiu ingresar na Ruta Transrománica do Consello de Europa, da que forman parte 10 igrexas románicas da Ribeira Sacra, e anunciou que “neste verán lanzaremos dous novos programas para incentivar o turismo de proximidade e o consumo de produtos locais, como son Saborea a túa Provincia e Coñece a túa Provincia”.
A estas medidas súmase o servizo de rutas fluviais en catamarán pola Ribeira Sacra, en funcionamento polo Miño e o Sil desde mediados de marzo, das que xa desfrutaron máis de 5.500 persoas no que vai de tempada e para o que hai 6.000 reservas ata final de ano, “cifras que dan boa conta do retorno económico que esta oferta da Deputación ten na Ribeira Sacra”, destacou o Presidente.
Difusión e promoción da APP
Para dar a coñecer a APP Turisgalicia Ribeira Sacra, divulgarase en canles dixitais, redes sociais e internet e distribuirase información sobre ela cun código QR en hoteis, restaurantes e oficinas de turismo dos concellos da comarca. Tamén haberá folletos informativos en albergues ao longo de todo o Camiño de Inverno, que abrangue máis de 200 quilómetros, dende Ponferrada ata Santiago. Difundirase en medios de comunicación, estará visible en vallas publicitarias da Ribeira Sacra e presentarase en feiras e encontros de turismo.