Música, deporte, espectáculos e gastronomía encherán Taboada do 5 ao 11 de agosto para celebrar os Milagres


Taboada celebrará as Festas dos Milagres do 5 ao 11 de agosto de 2025, cun extenso programa que combinará música, cine, deporte e actividades para todas as idades.
O martes 5 de agosto arrincará a programación cunha proposta teatral a cargo da compañía Os Quinquilláns, que porá en escena a obra ‘Cousas’ no Auditorio do Cuartel Vello.
Ao día seguinte, o mércores 6, ofrecerase unha sesión de cinema coa proxección do documental ‘Notevelas 1995’, de Xuxa Gayoso, e a película galega ‘+Cuñados’, tamén no Auditorio do Cuartel Vello.
O xoves 7 estará dedicado especialmente aos máis pequenos, con varias funcións do espectáculo de maxia ‘Mil maxias máis’ do Mago Antón, un espectáculo pensado para todos os públicos e que se celebrará na Alameda.
O venres 8 continuará o programa infantil co espectáculo de monicreques ‘Pepino Karamelo’ da compañía Títeres Alakrán, no Campo da Feira, unha actuación con música en directo. Ese mesmo día, os menores de 16 anos poderán gozar das atraccións de feira de forma gratuíta.
Ademais, o venres 8 celebrarase unha nova edición da Festa da Mocidade de Taboada, unha cita consolidada como antesala das festas patronais. O cartel deste ano inclúe a esperada actuación de Heredeiros da Crus, banda de rock galego cun estilo que mestura irreverencia, humor e potencia escénica. Xunto a eles, subirán ao escenario Quinkillada, Os Residuos Atractivas, Rastreros e The Palangans.
A xornada arrancará pola tarde cunha ruta de bares animada pola charanga Sol do Faro Brass. Máis tarde, celebrarase a tradicional cea popular, aberta a quen adquira a camiseta oficial do evento. A organización, a cargo da asociación Madialeva O! Taboada, ofrece un paquete completo que inclúe a camiseta, cea e bebidas ata as 23:30. Os concertos comezarán ás 22:30 e prolongaranse durante a noite, nunha proposta pensada especialmente para a mocidade. A Festa da Mocidade conta co respaldo do Concello de Taboada, a Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia.
O sábado 9, tras a misa solemne en honra á Virxe dos Milagres, haberá un concerto da Banda EGS de Lugo. Pola tarde celebrarase a final do maratón de fútbol sala, e xa pola noite, a cantante Begoña García ofrecerá un recital con repertorio variado. A continuación, actuará a orquestra América de Vigo, seguida dunha sesión coa discoteca móbil Hermotruck.
O domingo 10, ademais da misa e procesión, a xornada incluirá un concerto da Banda de Antas de Ulla e o tradicional trofeo de fútbol entre o Taboada C.F. e o C.D. Lalín. Tamén se celebrará o Festival Internacional de Danza, coa participación do grupo local Os Rechouchíos e de Nuevas Raíces, formación procedente da Arxentina. Pola noite, a verbena estará a cargo da Orquestra Solara, seguida polos DJs Carballas e Sonlc.
As festas concluirán o luns 11 cunha misa pola mañá e a Festa do Oso na área recreativa da Medela, que incluirá comida popular e música en directo coa charanga Sol do Faro Brass. Pola tarde haberá unha festa da escuma na piscina municipal, e a programación pecharase coa verbena da Charanga Louband, unha das formacións máis destacadas do panorama galego.
