Música, circo e teatro para celebrar o Nadal na Pobra do Brollón
A Pobra do Brollón pon en marcha a súa programación de Nadal. Durante estas festas a veciñanza poderá gozar de propostas musicais, circo, teatro e presentación literarias.
As iniciativas comezan o mércores 20 coa obra 'A mentireira historia da carapucha verdadeira' do obradoiro Mundo rural mundo cultural. A peza comezará a partir das 19.00 horas na Casa da Cultura. O día 21 o Apalpador visitará o Concello, concretamente fará un percorrido polo colexio, polo centro do día e pola Avenida de Galicia a partir das 12.00 horas.
O venres 22 será a quenda da Foliada e da actuación de Comando Curuxás a partir das 21.00 horas n Casa da Cultura. Tamén na Casa da Cultura, o 23 a autora Pilar Macía presentará a súa obra 'El poblado de las ánimas' a partir das 19.00 horas.
Os máis pequenos son os protagonistas da programación entre o 26 e o 29 de decembro, datas nas que se levará a cabo un obradoiro infantil de Nadal. A proposta será de 10.00 a 14.00 horas na Biblioteca municipal. Os interesados deben inscribirse na propia biblioteca ou a través do 982 430 546 antes do día 22.
O 29 de decembro o Circo Chosco chega á Pobra do Brollón. A cita, que é de entrada solidaria será ás 19.00 horas na Casa da Cultura. A música volve protagonizar o programa do sábado 30, na que a Coral Samoeiro interpretará distintas panxoliñas polas parroquias. Os veciños e veciñas tamén poderán gozar dunha Festa de Fin de Ano na Casa da Cultura o día 31. A programación especial para estas datas finaliza o día 5 coa cabalgata de reis a partir das 16.30 horas.