Moteiros de todo España participan na nova edición da Ruta Castrexa

RibeiraSacraXa | LugoXa
Moteiras e moteiros de todo o estado participarán este sábado 11 de maio na Ruta Castrexa, unha proba de mototurismo organizada pola Asociación Motorista Lucense coa colaboración das áreas de Deportes e Turismo da Deputación de Lugo.
ruta_castrexa
6 Maio 2024

Moteiras e moteiros de todo o estado participarán este sábado 11 de maio na Ruta Castrexa, unha proba de mototurismo organizada pola Asociación Motorista Lucense coa colaboración das áreas de Deportes e Turismo da Deputación de Lugo. Na proba, que puntúa para a Copa de España de Mototurismo, as moteiras e moteiros teñen que completar un percorrido de 336 quilómetros polas comarcas da Ulloa, Terras de Lemos e Ribeira Sacra.

Os participantes poden escoller o itinerario máis axeitado as súas características de condución, pasando polos controis de paso indicados pola organización nos que teñen que parar e selar os seus pasaportes de ruta: Ventas de Narón (Portomarín), Palas de Rei, Antas de Ulla, Limiñón (Chantada), Ribas de Sil, Augas Santas (Pantón), Becerreá e Lugo, que será punto de saída e chegada. Na presentación da proba, na Praza de San Marcos, o vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro valorou “o traballo realizado pola Asociación Motorista Lucense para a consolidación desta proba, que apoiamos desde a súa posta en marcha hai catro anos”.

Destacou “as sinerxias entre deporte e turismo, especialmente en modalidades como o mototurismo, unha disciplina en auxe que, con esta proba, proxecta o patrimonio natural e cultural das comarcas do sur de Lugo a través da experiencia de moteiras e moteiros de todo o Estado”. No acto tamén participaron os representantes da entidade organizadora, Aurelio Nóvoa e Mónica López, e o deputado de Promoción Económica e Social Pablo Rivera.

0.18597006797791