Monterroso, Guntín, Antas, Palas, Portomarín e Taboada forman unha agrupación enerxética

LugoXa | RibeiraSacraXa
O que pretende esta unión é licitar o subministro eléctrico en conxunto para acadar unhas condicións máis vantaxosas e beneficiarse das axudas do INEGA
monterroso
22 Out 2024

O Concello de Monterroso celebrou unha reunión de Pleno extraordinaria con motivo do contrato de subministración de
enerxía eléctrica para as dependencias, instalacións e iluminación pública dos municipios que integran a agrupación enerxética de concellos de Monterroso, Guntín, Antas de Ulla, Palas de Rei, Portomarín e Taboada. A Corporación deu luz verde por unanimidade á aprobación do expediente de contratación, aprobación dos pregos de cláusulas administrativas particulares e de prescricións técnicas que rexerán o contrato e que constan no expediente.

Os concellos citados prevén contratar a subministración de enerxía eléctrica para as dependencias, instalacións e iluminación pública mediante procedemento aberto suxeito á regulación harmonizada para un servizo de prestación obrigatoria para todos os municipios. Agrupación enerxética de concellos Previamente, estes seis concellos asinaron en xaneiro de 2024 un convenio de colaboración para a solicitude conxunta dunha subvención á Xunta de Galicia para a planificación enerxética da agrupación enerxética de concellos para o ano en curso.

A agrupación resultou beneficiaria por resolución do INEGA con data de marzo de 2024 para a concesión de subvencións para a planificación enerxética de entidades locais e comunidades enerxéticas, anualidade 2024. Así, o INEGA concedeu unha axuda do 100 % para cada un dos concellos para elaborar un estudo estratéxico para a subministración enerxética de cada entidade local, onde se detectan as carencias da subministración, excesos ou defectos de potencia contratada, xeoreferenciación de cadros eléctricos, estudo de necesidades, así como as propostas de mellora. A agrupación dos seis concellos, tendo en conta os datos de cada un deles, sacará a licitación a subministración de enerxía eléctrica para todos en conxunto.

Trátase, segundo explican, de licitar o subministro eléctrico en conxunto para acadar unhas condicións máis vantaxosas.
No convenio de colaboración acordouse que o representante administrativo da agrupación enerxética de concellos fose o Concello de Guntín, tanto para os trámites da subvención, como da licitación de contratos enerxéticos. A duración do contrato será de dous anos, con prórrogas de un ano ata un máximo de dous. A duración máxima do contrato será de catro anos desde o inicio da subministración da enerxía polo adxudicatario.

0.15114307403564