Monforte volve celebrar a Carreira Popular despois de dous anos de parón
O Concello de Monforte xa ten data para a celebración da Carreira Popular do ano 2022, será o domingo 3 de abril.
Tratase da edición número XII deste xa tradicional evento, logo de que a pandemia do COVID 19 obrigara a suspender a edición do ano 2020, a unha semana da súa celebración, e non permitira a súa organización no ano 2021.
Neste senso, o rexedor monfortino subliñou que “se as circunstancias sanitarias nolo permiten, celebrarémola co obxectivo de ir recuperando a normalidade no calendario de actividades anuais do Concello, despois do parón a consecuencia da pandemia da COVID-19”.
O evento, organizado polo Concello de Monforte a través da Concellería de Deportes, contará cun percorrido de 10 km para a carreira absoluta, completamente urbano e que transcorrerá polas rúas máis céntricas da cidade, así como percorridos para as carreiras de categorías menores de diferentes distancias en función da idade das persoas participantes.
Tendo en conta a situación sanitaria actual, o Concello de Monforte deseñará un protocolo específico ante o coronavirus para que o evento sexa totalmente seguro, tanto para as persoas participantes como para o público asistente, tendo en conta tanto a normativa sanitaria vixente en cada momento, como o protocolo protocolo FISICOVID – DXT GALEGO específico para probas atléticas.
“Nos vindeiros días, iremos informando convenientemente sobre aspectos relevantes do evento como o inicio das inscricións, o regulamento da proba, protocolos específicos, entre outros aspectos” indicou o Alcalde.