Monforte ten unha dobre cita co teatro este xoves

O teatro volve a Monforte por partida dobre este xoves, con dúas propostas que se celebrarán na Casa da Cultura Lois Pereiro e no Edificio Multiusos. Ambas as iniciativas están organizadas polo Concello de Monforte dentro do Circuíto de Teatro Profesional promovido pola Área de Cultura da Deputación de Lugo, e contan con entrada libre e gratuíta.
A primeira función terá lugar ás 18.30 horas no salón de actos da Casa da Cultura e está destinada a público infantil e familiar. A compañía Ubú Teatro representará “O vixilante dos soños”, obra de Ana Carreira dirixida por José Campanari e interpretada por Marga Portomeñe e a propia Ana Carreira. A montaxe narra a historia de Sonólicus, quen desde pequeno desexa chegar á lúa e emprende diversas aventuras reflectidas nos espellos, pozas, caixas e tellados da súa contorna. “O seu empeño semella unha fantasía infantil da que a nai é testemuño. Unha noite acaba de medrar e, non só acada o seu obxectivo de acompañar á lúa, senón que se converte para sempre no vixiante do sono e dos soños infantís”.
Xa ás 20.15 horas, o teatro trasladarase ao Edificio Multiusos coa representación de “Poeta en Nova York”, a cargo da compañía Baixo da Área Teatro e dirixida por Paloma Lugilde. A obra tamén se representará pola mañá para os centros educativos de Monforte, e o aforo estará limitado a 100 persoas. No elenco participan Paloma Lugilde, Raquel Velasco e Miguel Torres.
“Poeta en Nova York” adapta a recoñecida obra de Federico García Lorca, ofrecendo unha proposta escénica contemporánea que aborda as temáticas e conceptos do poemario dende a experimentación e a honestidade. Segundo explican os responsables, “Cando Lorca chegou a Nova York, esta cidade absorbeuno, mesturándose nel unha aparente felicidade cunha profunda angustia vital derivada das súas circunstancias persoais. Da man do poeta, viaxaremos por un Nova York nada alleo aos temas actuais, para facer unha labor de denuncia dende o compromiso social”.
Estas dúas propostas forman parte da programación teatral do Concello para o último trimestre de 2025, integrándose na Rede Galega de Teatros e Auditorios, así como nos Circuitos de Teatro Afeccionado e Profesional da Deputación de Lugo.