Monforte sumouse ao Día Mundial contra o Cancro de Mama cun acto organizado pola AECC

RibeiraSacraXa
Membros do Equipo de Goberno e da Asociación Española Contra o Cancro reivindicaron a importancia da investigación contra este tipo de cancro cunha ofrenda floral na rúa Cardeal.
monforte-dia-cancro-de-mama
Monforte conmemora o Día Mundial contra o Cancro de Mama
21 Oct 2025

Membros do Equipo de Goberno do Concello de Monforte participaron este luns nos actos organizados pola Asociación Española Contra o Cancro (AECC) con motivo do Día Mundial contra o Cancro de Mama. A actividade celebrouse na rúa Cardeal baixo o lema “Nos lo tomamos a pecho”.

Os concelleiros José Luis Losada (Obras, Medio Rural, Servizos e Medio Ambiente), Regina López (Consumo), Guillermo Díaz (Tecnoloxía e Innovación) e Margarita López (Muller e Igualdade) asistiron ao encontro e participaron tanto na ofrenda floral como na lectura do manifesto, que estivo a cargo da delegada local da AECC, Marisa Sobrino López.

Durante toda a mañá, representantes e colaboradores da Asociación ofreceron información sobre o seu labor e animaron á cidadanía a adquirir unha planta solidaria, unha iniciativa na que tamén colaboraron varias florarías da cidade coa doazón de exemplares.

O Día Mundial contra o Cancro de Mama, que se conmemora cada 19 de outubro, busca sensibilizar e dar visibilidade a esta enfermidade. No seu manifesto, a AECC subliña a importancia de “tomarse a peito” unha patoloxía que “cambia a vida e marca un punto e aparte” na traxectoria das mulleres diagnosticadas. Na provincia de Lugo detectáronse 276 casos en 2024, dos cales 52 corresponden a mulleres menores de 50 anos.

A través da campaña “Nos lo tomamos a pecho”, a entidade pretende falar “sen eufemismos nin metáforas do cancro de mama” e “priorizar as emocións e a realidade das persoas que conviven co cancro, escoitándoas para atender e responder ás súas necesidades”. No texto, a Asociación tamén destaca que este acompañamento “é imprescindible para que, no camiño de facer fronte á enfermidade, elas conten sempre coa nosa axuda”.

O Concello de Monforte mantén unha estreita colaboración coa AECC, cedendo tres locais desde os que a organización presta atención a pacientes e familiares. Ademais, o consistorio coopera na organización da Carreira contra o Cancro, cuxa última edición tivo lugar o pasado mes de setembro.

⚙ Configurar cookies
0.063143968582153