Monforte súmase ao Día Mundial da Sida iluminando de vermello a Torre da Homenaxe

O Concello de Monforte participa hoxe, 1 de decembro, na conmemoración do Día Mundial da Sida coa iluminación en cor vermella da Torre da Homenaxe, un xesto simbólico que busca visibilizar a loita contra o VIH, apoiar ás persoas que conviven co virus e lembrar a quen faleceu a causa desta enfermidade.
Con esta iniciativa, o Concello reforza o seu compromiso coa saúde pública e coas accións de prevención e atención integral, así como coa eliminación do estigma que aínda rodea ao VIH. Aínda que os avances científicos e os tratamentos dispoñibles permiten mellorar a calidade de vida e reducir novas infeccións, o virus continúa representando un reto social e sanitario.
A Unidade Asistencial de Drogodependencias do Concello de Monforte anima a participar activamente nesta xornada, lembrando que “a resposta ao VIH é unha responsabilidade colectiva na que podemos mellorar a vida da cidadanía e axudar a construír unha sociedade máis xusta e saudable”.
O lema escollido para este ano, “Superar as disrupcións, transformar a resposta á Sida”, pon o foco nos desafíos actuais e na necesidade de avanzar cara a unha resposta máis eficaz e equitativa. Desde a súa creación en 1988, o Día Mundial da Sida foi a primeira xornada sanitaria recoñecida a nivel global, e cada 1 de decembro Nacións Unidas, gobernos e entidades sociais unen esforzos para concienciar e mobilizar a poboación.
Entre as accións habituais destaca o uso do lazo vermello, símbolo universal de apoio ás persoas que viven co VIH. Ademais, en Monforte, a Unidade Asistencial de Drogodependencias repartiu folletos informativos sobre as probas rápidas e gratuítas de detección que ofrece o centro, así como lazos vermellos e calendarios conmemorativos.