Monforte súmase á celebración do Día do Orgullo LGTBI

RibeiraSacraXa
O Concello colocou a bandeira arcoíris nos balcóns da Casa Consistorial como xesto simbólico para reafirmar o seu compromiso coa igualdade e a diversidade
casa-concello-monforte
28 Jun 2025

O Concello de Monforte únese, un ano máis, aos actos do Día Internacional dos Dereitos das Persoas LGTBI, que se celebra este sábado 28 de xuño en todo o mundo. Para conmemorar esta xornada, o consistorio colocou a bandeira arco da vella nos balcóns da Casa Consistorial, un xesto simbólico que reafirma o compromiso da institución coa igualdade, a liberdade e a diversidade.

O alcalde, José Tomé Roca, destacou en nome de todos os veciños e veciñas de Monforte “o noso apoio institucional e social a esta celebración do Día do Orgullo LGTBI, co obxectivo de facer visible diante da sociedade a diversidade sexual e promover a igualdade, a liberdade e o respecto de todas as persoas”.

A bandeira permanecerá colocada ata o luns 30 de xuño, como vén sendo habitual nos últimos anos. Desde o Concello insístese na importancia de condenar calquera forma de discriminación ou violencia exercida contra unha persoa ou colectivo, xa sexa por orientación ou identidade sexual, ou por calquera outro motivo que supoña un ataque aos dereitos e liberdades fundamentais.

O goberno local subliña tamén a necesidade de reforzar a educación e a sensibilización cidadá sobre a diversidade sexual, a través de programas informativos e accións simbólicas como esta.

“O compromiso do Concello de Monforte”, concluíu o alcalde, “é promover valores de respecto cara á diversidade de orientación sexual e identidade de xénero, e contribuír así a avanzar na conquista de dereitos, visibilidade e normalización da vida de todo o colectivo LGTBI”.

⚙ Configurar cookies
0.16979598999023