Monforte suma dez proxectos de mellora de rúas e camiños
O Concello de Monforte deu a coñecer 10 novos proxectos de mellora de rúas, vías e camiños, tanto urbanos como rurais, do Concello de Monforte, “que supón a continuación do noso programa de melloras das infraestruturas viarias municipais que, sen dúbida, van a dar continuidade ó noso obxectivo de dotar con mellores servizos e mellores infraestruturas ó noso concello”.
A suma dos investimentos destinados a estes 10 proxectos supoñen unha inversión de case medio millón de euros, en concreto, 457.653,31 euros.
As actuacións comprenden a renovación do firme, a colocación de sinalización, e o pintado das correspondentes sinais viarias, e está previsto que se vaian poñendo en marcha nas vindeiras semanas.
No ámbito urbano, as actuacións de mellora levaranse a cabo na zona de vivendas do Val de Lemos, na vía principal de Rioseco, na parte baixa da rúa Corredoira e na rúa Concepción Arenal. Nestes dous últimos casos, as obras suporán a renovación de todas as rúas tanto do barrio do Hospital, como do barrio da Estación, levadas a cabo durante o mandato deste Alcalde.
No eido rural, as obras desenvolveranse nos camiños entre Morade Grande e A Pena, na estrada entre Gándaras (Vilamarín) e Morade Grande, na vía situada entre Vilamarín e a estrada de Rozavales, no Camiño As Fontes-Reigada, en diversas vías de Ribasaltas, e en todas as vías principais da parroquia de Distriz. Finalmente, na parroquia de Piñeira, acometeranse as melloras nos camiños municipais de A Barxela, O Carballo e a zona de As Bodegas.