Monforte será o escenario do ciclismo internacional coa 4ª etapa de La Vuelta Femenina

Monforte acolleu este mércores a presentación da 4ª etapa de La Vuelta Femenina 2026 by Carrefour.es, que terá saída desde a cidade o vindeiro 6 de maio. O acto contou coa participación do alcalde, José Tomé, o director xeral de La Vuelta, Javier Guillén, así como representantes municipais e o xerente de Carrefour Lugo, Roi Conde.
A saída da etapa producirase arredor das 14:15 horas desde a zona da Compañía, desde onde o pelotón percorrerá varias rúas do centro urbano como o Cardenal, a Avenida de Galicia, a Ronda María Emilia Casas Baamonde e a rúa Doctor Casares, antes de abandonar a cidade pola zona do Morín con dirección a Lugo.
Durante a presentación, o rexedor destacou a relevancia que supón para a cidade formar parte deste evento deportivo, co que sinalou que “Monforte consolídase como cidade de referencia para grandes eventos deportivos como o ciclismo”. Neste sentido, subliñou tamén a súa importancia como escaparate internacional e o impacto positivo que pode xerar no tecido económico local.
O alcalde puxo o foco na “oportunidade única de proxección nacional e internacional” que supón acoller unha proba desta magnitude, cunha cobertura mediática que chegará a numerosos países e coa presenza de medios especializados internacionais. Ademais, incidiu en que a chegada de equipos, organización, prensa e afección “contribuirá a dinamizar sectores clave como a hostalaría, o comercio e o turismo”.
Así mesmo, José Tomé lembrou que esta será unha nova ocasión na que Monforte forme parte dunha gran proba ciclista, tras a recente presenza na Vuelta masculina, e destacou que “esta é a 5ª vez que La Vuelta ten saída ou chegada en Monforte”, o que evidencia a capacidade organizativa da cidade.
Pola súa banda, Javier Guillén agradeceu a implicación do Concello e o apoio da veciñanza, ao tempo que destacou a colaboración mantida ao longo do tempo, así como a acollida recibida na cidade.
A etapa, cun percorrido total de 115 quilómetros, levará o pelotón por distintos municipios ata a súa chegada final en Antas de Ulla, pasando por localidades como Sarria, Láncara, O Páramo, Portomarín, Taboada e Monterroso.