Monforte será final de etapa na Volta a España 2021
RibeiraSacraXa
A cidade do Cabe será o escenario final da decimonovena etapa, o día 3 de setembro. O percorrido completo darase a coñecer o vindeiro día 11
5 Feb 2021
A provincia de Lugo volve a ter protagonismo na Volta a España, e Monforte, ademais, dun xeito especial: será o escenario final da decimonovena etapa, o 3 de setembro, que previsiblemente terá saída en Asturias e percorrerá diversos puntos da provincia ata chegar á cidade do Cabe.
Non é a primeira vez que Monforte vive o paso do pelotón polo municipio. En 2014, A Volta pasara pola N-120 en dirección ao Porto dos Ancares; no 2016 acollera a saída dunha das etapas; e o pasado ano viu pasar ao pelotón na etapa 14, que discorría entre Lugo e Ourense. Este ano, como punto final de etapa barállase a avenida Escultor Francisco Moure, xunto á explanada da Compañía.
O percorrido completo da Volta a España 2021 coñecerase o vindeiro día 11 deste mes, nunha gala que terá lugar en Burgos.
A Volta a España 2021 celebrarase entre os días 14 de agosto e 5 de setembro e contará cun total de 21 etapas.