Monforte será o escenario dunha xornada do Consello da Cultura Galega sobre políticas culturais inclusivas

O Pazo de Tor será mañá, 18 de xuño, o escenario dunha nova xornada do ciclo 'Acceso á cultura en Galicia 2025', promovida pola Comisión Técnica Temporal de Xestión e Políticas Culturais do Consello da Cultura Galega. A sesión estará coordinada por Encarna Lago, xerente da Rede Museística Provincial, e centrarase no enfoque interseccional como chave para garantir un acceso xusto e real á cultura.
A xornada analizará as distintas desigualdades que afectan ao dereito de acceso á cultura desde unha ollada que terá en conta aspectos como o xénero, a diversidade funcional, a clase social, a orixe xeográfica, a etnia, os ciclos de vida ou o territorio.
A deputada de Cultura, Iria Castro, será a encargada de abrir o encontro, que contará coa participación de profesionais e representantes de distintas entidades sociais como Xavier Rey Feijóo (Taller Daulloa), Cristina Alonso (Cogami Lugo), Aitana García Lage (Federación Autismo Galicia), Patricia Vázquez Carballal (FEAFES Galicia), Francisco Farnés Caminero (ONCE), Adilenys Trujillo Yáñez e Aleida Naval Santos (SINTRAHOCU), Irene Jiménez Cortiñas (Secretariado Xitano), Ana Bereciartúa (Asociación Rioplatenses), Leonardo Casado (ACCEM A Coruña) e Noelia Gómez (Plataforma Diversa Infantil).
Ao longo da xornada, que se desenvolverá entre as 10:00 e as 14:30 horas, as persoas asistentes participarán en varias mesas de traballo para compartir experiencias e reflexionar conxuntamente sobre como avanzar no deseño de políticas culturais máis inclusivas. O encontro rematará cunha intervención artística a cargo da compañía Experimenta Danza e cun xantar comunitario.