Monforte rendeu homenaxe ás traballadoras municipais no acto central do 8M

O Concello de Monforte de Lemos conmemorou este domingo 8 de marzo o Día Internacional da Muller cun acto institucional na Praza da Compañía, no que se rendeu homenaxe ás traballadoras municipais, destacando o seu papel como “xestoras públicas que coa súa labor diaria garanten servizos públicos de calidade para todas as monfortinas e monfortinos”.
A concentración celebrouse ás 13.00 horas diante das Casitas e reuniu a un elevado número de veciños e veciñas, na que foi, segundo o propio Concello, a participación máis numerosa dos últimos anos neste acto conmemorativo. A lectura do manifesto correu a cargo da concelleira de Muller, Igualdade e Consumo, Regina López, nun evento no que tamén participaron o alcalde, José Tomé Roca, a tenente de alcalde Gloria Prada e os concelleiros José Luis Losada e José Manuel Mougán, ademais de persoal do Centro municipal de Información á Muller (CIM).
Durante o manifesto institucional fíxose un chamamento a “reforzar e defender” a igualdade ao longo de todo o ano fronte ás “ameazas reais que poñen en risco os avances e logros conseguidos”. O texto puxo o foco nas mulleres que desempeñan un papel clave dentro da administración local, realizando unha tarefa “esencial, e moitas veces pouco visible”, en ámbitos como o urbanismo, os servizos sociais, a cultura, a educación, a xestión económica, a contratación ou a atención directa á cidadanía.
O Concello defendeu tamén que a igualdade real entre mulleres e homes “non pode entenderse como unha cuestión secundaria, senón como unha condición necesaria para a eficacia e a eficiencia das políticas públicas”. Neste sentido, o manifesto subliñou que o feminismo “é clave para reforzar a presenza das mulleres na política, na economía, na educación, na cultura e na vida social de Monforte”, animando ademais a “alzar a voz por unha sociedade na que as mulleres vivan libres de violencia, unha sociedade paritaria e participativa na que ocupen o lugar que lles corresponde, por dereito e por capacidade”.
Ao remate do acto, o alcalde e a concelleira repartiron entre as persoas asistentes velas serigrafiadas co lema deste 8M como recordo da xornada. O equipo de goberno trasladou tamén o seu agradecemento á sociedade monfortina pola elevada participación.
Tras a lectura do manifesto, Regina López presentou a exposición “Mulleres con luz propia”, instalada nas farolas da marxe dereita da rúa Cardeal, desde o cruce coa avenida de Galicia ata o Paseo da Compañía.
A mostra fai un percorrido pola vida e traxectoria de diferentes figuras femininas referentes na defensa da igualdade. Segundo explicou a concelleira, “é unha instalación moi interesante que fai un repaso por algunhas das mulleres que brillaron cunha luz especial ao longo da historia, pioneiras no seu tempo e nas actividades que desenvolveron e que hoxe son referentes femininos na defensa da igualdade”.
Entre as protagonistas desta instalación atópanse figuras internacionais como Marie Curie ou Frida Kahlo, pioneiras do feminismo como Clara Campoamor, autoras galegas como Rosalía de Castro ou Emilia Pardo Bazán, ademais da xurista monfortina María Emilia Casas Baamonde. A relación completa de mulleres incluídas na exposición abrangue tamén nomes como Mary Wollstonecraft, Simone de Beauvoir, Isabel Zendal, Concepción Arenal, María Casares, Jane Goodall, Margarita Salas, Virginia Woolf, Almudena Grandes, Maruja Mallo, Teresa Portela ou Ana Peleteiro, entre outras.
O programa do 8M completouse tamén con outras actividades ao longo da xornada do domingo. Entre elas, un escape room pola igualdade titulado “Estrelas”, dirixido á mocidade e ás familias, no que os participantes debían recuperar o “fulgor” de distintas mulleres relevantes da historia a través dun xogo colaborativo contra o reloxo.
Ademais, a Casa da Cultura acolleu o espectáculo familiar “Circo na casa”, da compañía MeRe Clown, unha proposta pensada para o público infantil na que se abordaron os estereotipos de xénero e o reparto das tarefas domésticas, co obxectivo de promover a corresponsabilidade desde idades temperás.
As actividades de sensibilización arredor do Día Internacional da Muller continuarán durante os próximos días en Monforte con obradoiros educativos e representacións teatrais centradas na igualdade.