Monforte recoñece ao mellor do deporte local coa entrega de premios da 10ª Gala do Deporte

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, presidiu na tarde-noite deste luns unha nova edición da Gala do Deporte de Monforte de Lemos, celebrada na Casa da Cultura Lois Pereiro, na que se rendeu homenaxe aos mellores deportistas monfortinos do ano.
No seu discurso, o alcalde destacou o bo momento que atravesa o deporte na cidade do Cabe e quixo poñer en valor a importancia de practicar algunha disciplina deportiva xa que, tal e como transmitiu Tomé, “é unha actividade importante en si mesma polo beneficio que repercute na nosa saúde, pero ademais disto, como digo sempre, a través do deporte, poténcianse valores tan importantes como o esforzo, o sacrificio, a constancia e a superación. Este mundo de valores, de colaboración e de competencia con respecto é fundamental para a socialización dos máis pequenos e unha peza fundamental nas políticas de igualdade, pola súa visibilidade, por tanto, todas as iniciativas que teñamos para recoñecer o mundo do deporte, como esta que estamos a celebrar no día de hoxe, son froito dun merecido recoñecemento a todo o que significa o mundo deportivo”.
Tomé subliñou que “este bo momento que estamos vivindo no deporte monfortino, é posible porque temos unha boa canteira de nenos e nenas, que teñen unhas excelentes cualidades para a práctica deportiva. A eles únense outros deportistas, adolescentes e xa adultos, que nos últimos anos estannos acostumando a que o nome de Monforte se asocie con éxito deportivo, grazas a eles e a elas”.
O rexedor municipal remarcou a aposta decidida do seu Executivo polo deporte local desde que accedeu á alcaldía en 2015: “Dende o Concello somos conscientes da importancia que teñen os clubs para organizar o deporte monfortino, e por iso, colaboramos moi estreitamente con eles, para que os clubs e os deportistas realicen as actividades deportivas nas mellores condicións posibles. Eu creo humildemente que, boa mostra do que acabo de dicir, é o noso compromiso co deporte nestes 10 anos que levo como Alcalde, onde as axudas aos clubs subiron notablemente en relación co que viñan percibindo, complementado coas axudas aos deportistas individuais e a clubs en campionatos”.
Neste senso, lembrou que nos orzamentos de 2025, “as axudas aos clubs superan os 132.500 euros. Mantéñense tamén as axudas para deportistas individuais con 10.000 euros, e a subvención para a participación en campionatos de España, europeos ou mundiais, posta en marcha polo Alcalde en 2022, alcanza os 12.000 euros. En total, superamos os 152.000 euros este ano 2025”.
Tamén destacou investimentos importantes en infraestruturas deportivas, como a reforma dos campos de fútbol de herba artificial, a renovación das pistas de tenis, a instalación de novos toldos parasol na grada do campo municipal de fútbol de A Pinguela e a mellora da contorna do complexo deportivo de A Pinguela, cun investimento de 190.000 euros.
“Pero sen dúbida a actuación máis destacada foi a reforma integral do pavillón polideportivo de A Pinguela, que supón que hoxe contemos cun pavillón novo, no que investimos 4 millóns de euros, e que conta cunhas instalacións deportivas máis modernas, máis adecuadas para todo tipo de eventos deportivos, e sobre todo, máis respectuosas co medio ambiente”. Tamén lembrou a reforma integral da piscina municipal climatizada de A Pinguela, que está a piques de rematar: “E a reforma integral da nosa Piscina municipal climatizada de A Pinguela, que será totalmente renovada, polo que pronto desfrutaremos dunha piscina practicamente nova, na que investimos máis de 2 millóns de euros. As obras rematarán neste mes de xullo e empezará a funcionar entre finais de setembro ou principios de outubro”.
O alcalde rematou a súa intervención agradecendo a asistencia de todos os presentes, deportistas, familiares e amigos, e felicitou a todos os candidatos e premiados, “porque todos eles teñen un palmarés deportivo excelente, e contribúen a poñer en valor o deporte monfortino”.
Na entrega de premios participaron, ademais do Alcalde, varios membros do equipo de goberno: a tenente de alcalde, Gloria Prada; os concelleiros de Deportes, José Manuel Mougán; de Servizos, José Luis Losada; de Sanidade, Pilar Espinosa; de Consumo, Regina López; e de Muller e Igualdade, Margarita López, xunto a outros membros da Corporación municipal.
O acto, presentado por Manola Porto, reuniu a decenas de deportistas e familias para recoñecer o esforzo e a dedicación de deportistas, clubs, adestradores, técnicos e árbitros do municipio.
Premiados da 10ª Gala do Deporte de Monforte:
- Mellor Deportista Feminina Promesa: Andrea Gudín Pérez
- Mellor Deportista Masculino Promesa (ex aequo): Gael Díaz de la Fuente e Gabriel Pinto Álvarez
- Mellor Árbitro/a: Icía Marcos García
- Mellor Equipo de Base: Categorías Inferiores do C.N. Monforte
- Mellor Deportista Feminina Absoluta: Lucía Roca Rodríguez
- Mellor Equipo Absoluto: Equipo Veteranas C.B. Val de Lemos
- Mellor Adestrador/a: José María Vega
- Mellor Deportista Masculino Absoluto: Iker Fernández Codesido
- Deportividade e Xogo Limpo: Manuel Besteiro Rodríguez
- Mellor Club: Club Taekwondo Neka
Fóra de concurso, fíxose un recoñecemento especial a Elena Sánchez Iglesias.